Luis López destaca o avance do proxecto da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade coa entrega este ano do estudo de viabilidade e a proposta de trazado

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o director de Ferrocarriles Españoles, Ricardo Huerga, acompaña aos técnicos da fundación especialista nestas sendas nunha xornada de traballo para determinar os posibles trazados dun itinerario de 10 quilómetros

24/09/2026

Luis López destaca o avance do proxecto da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade coa entrega este ano do estudo de viabilidade e a proposta de trazado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañou este xoves aos profesionais de Ferrocarriles Españoles, entidade especializada neste tipo de sendas e encargada de redactar o plan de factibilidade da Vïa Verde en Pontevedra e Arcade, que están percorrendo estes días o treito ferroviario en desuso entre estas dúas poboacións para a elaboración do estudo que determinará o itinerario da Vía Verde que promove o goberno provincial. Desde o treito de acceso da vía á cidade de Pontevedra, o presidente amosou a súa satisfacción porque a tramitación dun proxecto “ambicioso e complexo” segue dando pasos adiante e antes de que remate o ano a Deputación terá xa nas súas mans o documento necesario para poder deseñar o trazado definitivo e iniciar os trámites para poder licitar a obra.

“Falamos dun proxecto estratéxico para a Deputación, a provincia e os concellos de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior. O que nos trae aquí é froito dun traballo realizado meses atrás, estamos dando pasos continuos no marco dun proxecto complexo e ambicioso. Hoxe estamos vendo ao detalle os 10 quilómetros do treito da antiga vía entre Arcade e Pontevedra para rematar o estudo de factibilidade, que é o documento que vai permitir ver cal é a proposta do trazado. Ese estudo realizado por Ferrocarriles Españoles vai ser entregado á Deputación antes do 31 de decembro. É o documento que vai permitir deseñar o proxecto da obra da Vía Verde entre Pontevedra e Arcade para, a continuación, dar inicio ás obras”, explicou o mandatario provincial nunha visita ao terreo na que tamén estiveron presentes o vicepresidente Rafa Domínguez, o director de Ferrocarriles Españoles, Ricardo Huerga; e técnicos da Deputación, do Adif e da empresa.

A visita desta mañá serviu para analizar toda a contorna do treito da antiga vía do tren entre Pontevedra e Arcade. Un percorrido que conta con diversas particularidades porque ao carón da vía antiga discorre a nova vía de alta velocidade, hai zonas de túnel e tamén pontes, polo que é preciso un análise en profundidade para atopar solucións e deseñar un percorrido viable. “Hai zonas onde conviven as dúas vías ou zonas onde hai unha ponte. Estudamos as fórmulas técnicas para facilitar o paso ou buscar un percorrido alternativo”, explicou López o motivo da xornada de traballo. Neste sentido, o director de Ferrocarriles Españoles, Ricardo Huerga, explicou que “cando rematemos o traballo de campo, tomaremos todos os datos e estudaremos se é todo viable ou se hai que facer algunha alternativa”.

A tramitación deste proxecto comezou desde que o presidente provincial remitiu unha carta ao Ministerio para consultar a posibilidade de liberar os treitos ferroviarios en desuso entre Arcade e Pontevedra. “Vimos que o Ministerio estaba aberto á cesión e automaticamente falamos con Ferrocarriles Españoles que son os grandes expertos na materia”, resumiu López a cronoloxía dun proxecto no que o Adif sempre amosou a súa colaboración, de feito xa está acordada a cesión dos terreos por un período inicial de dez anos despois dunha reunión en Madrid entre o presidente e responsables do Administrador Ferroviario que se plasmará proximamente nun convenio. “Nestes proxectos é fundamental a colaboración e tivémola en todo momento por parte do Adif, dos técnicos de Ferrocarriles Españoles e os técnicos da Deputación. O que demostra que na a Deputación segue traballando con rigor e profesionalidade nun proxecto estratéxico e que, para os que querían ver este proxecto paralizado, veñen malas novas porque isto xa non ten punto de parada e vai continuar”, rematou o presidente provincial.

Galerias de imagenes