Luisa Sánchez reivindica o Bembrive FS como “un motivo de orgullo” para Vigo no acto do seu 25º aniversario

19/03/2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou na noite deste mércores no acto conmemorativo do 25º aniversario do Bembrive Fútbol Sala, celebrado no Centro Cultural Helios, onde reivindicou o club como “un motivo de orgullo” para Vigo. Durante a súa intervención, enxalzou a traxectoria do equipo feminino, que nos últimos anos loitou polo ascenso á máxima categoría nacional e lembrou momentos emblemáticos na historia do Bembrive FS como o encontro de Copa do Rei do conxunto masculino fronte ao FC Barcelona en 2014, que conseguiu mobilizar a toda a cidade. En todo caso, salientou que “o verdadeiro éxito” desta entidade deportiva reside “no traballo constante do día a día, no esforzo de xogadoras e xogadores, corpo técnico, directivas e familias que sostiveron o proxecto ao longo de todos estes anos”. A vicepresidenta animou ao club a seguir medrando como referente deportivo e social e agradeceu os agasallos entregados á Deputación por parte da directiva.