Luisa Sánchez salienta o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura tradicional galega durante o IV Encontro de Rondallas de Beade
13/12/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este sábado ao IV Encontro de Rondallas de Beade, onde subliñou a importancia de preservar e promover as tradicións populares. Neste sentido, salientou o impulso que vén de recibir o programa Culturea, que contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros no ano 2026. Trátase dun 50% máis que ao comezo do presente mandato. “Estamos a reafirmar o noso compromiso coa cultura da nosa terra e coa difusión e revitalización deste patrimonio musical único”, afirmou Luisa Sánchez durante o desfile que percorreu as rúas da parroquia. Ademais, recordou a destacada participación do organismo provincial na produción da película ‘Rondallas’, un filme que se puido ver este xoves en Vigo e que está a levantar unha grande expectación de cara á súa estrea en cines o próximo 1 de xaneiro.


