Luisa Sánchez anima a adquirir o calendario solidario do Colexio Atlántida de Vigo en favor da asociación APAMP

O organismo provincial imprimiu 600 exemplares do almanaque, que convida a descubrir os monumentos e recunchos máis emblemáticos da cidade cunha ollada distinta

10/12/2025

Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou a adquirir o calendario solidario do CPR Plurilingüe Atlántida de Vigo, que foi presentado este mércores nas instalacións do centro educativo. O proxecto, impulsado polo profesor Emilio Rodríguez e o director do centro, Félix Lourido, procura cada ano recadar fondos para unha entidade social da cidade coa venda dos almanaques. De cara a 2026, a beneficiaria será a Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral (APAMP).

Tal e como indicou Luisa Sánchez, este calendario, do que a institución provincial imprimiu 600 exemplares, xurde da colaboración entre o CPR Plurilingüe Atlántida e APAMP, que uniron o seu talento e a súa sensibilidade para crear “unha obra artística na que conflúen a arte, a inclusión e o amor pola nosa cidade”. Cada mes convida a descubrir os monumentos e recunchos máis emblemáticos de Vigo cunha ollada distinta. Ademais, segundo reza o propio calendario, cada ilustración é “unha invitación a decatarse de que a verdadeira beleza está na diversidade e nas infinitas maneiras de mirar o mundo”.

Durante o acto, Luisa Sánchez salientou que os almanaques do Colexio Atlántida xa se teñen convertido nunha “tradición” en Vigo, no só por alegrar os fogares durante todo o ano e máis alá do Nadal, senón tamén pola súa contribución a importantes causas sociais.

Igualmente, a vicepresidenta eloxiou o “compromiso” da comunidade educativa do centro e puxo en valor o traballo de APAMP, organización coa que a Deputación de Pontevedra colabora de xeito activo e regular “para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e a seguir construíndo una sociedade máis inclusiva”.

O calendario de 2025 do CPR Plurilingüe Atlántida recadou 3.100 euros, que se destinaron a apoiar os servizos e actividades da Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple da provincia de Pontevedra (AVEMPO).

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.