A Deputación lanza catro novas rutas para gozar do espectáculo das maceiras en flor

As rutas, completamente gratuítas, celebraranse os días 29 e 30 de abril e o 1 de maio en catro lagares de produción ecolóxica en Tabeirós-Terra de Montes

21/04/2023

Ruta das maceiras en flor

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá a nova edición das rutas das maceiras en flor, “que un ano máis volven aos lagares da provincia para que poidamos gozar da floración das maceiras con todos os sentidos: o visual, o aromático e o gustativo”. As visitas terán lugar os días 29 e 30 de abril e 1 de maio en catro lagares singulares da comarca de Tabeirós-Terra de Montes: Sidrería Camino, Peroja, Rabiosa e Lagar de Ribela. Na presentación, a presidenta estivo acompañada de Miguel Soto (técnico coordinador da actividade), Nicolás Andión (de Sidrería Camino) e Jesús Arenteiros (de Lagar de Ribela).

Carmela Silva agradeceu os lagares e cooperativas por “apostar por este produto noso, por darlle valor engadido e por poñelo en valor desde o punto de vista turístico”, e asegurou que “están facendo un traballo moi salientable, con maceiras autóctonas e coa produción de sidra ecolóxica” que converten A Estrada en líder do noroeste peninsular en mazá ecolóxica: ten máis de 100 hectáreas certificadas e unha previsión de máis de millón e medio de quilos de mazá e unha produción duns 100.000 litros. “Temos que apoiar estas iniciativas porque esta é a única forma de manter e aumentar a poboación no rural, as administracións públicas deben impulsalo porque ademais nos identifican e fan que a xente se siga namorando de nós”, asegurou Carmela Silva.

A presidenta lembrou que con este produto turístico, aproveitando o momento da floración destas árbores na ponte de maio, a Deputación de Pontevedra traballa “pola desestacionalización do sector turístico”, ao considerar que “debemos poder ofertar actividades en todos os momentos de lecer”. A ruta das maceiras en flor, asegurou Carmela Silva, “é un produto de máximo nivel, de grande emoción e unha verdadeira experiencia: a xente que se achegue será moi feliz e chegará á casa como nova, e con moito orgullo dun sector que traballa tanto e ten tanto talento”.

Jesús Arenteiros, pola súa banda, agradeceu a Deputación “porque sempre nos apoia incondicionalmente” e sinalou que “con esta ruta abrimos a temporada, e a partir de agora os lagares estamos abertos para que a xente coñeza quen, como e onde facemos a sidra”. Arenteiros puxo en valor como este sector, o da mazá ecolóxica, conseguiu “situarse no mapa estatal e tamén internacional” cun traballo de “suma de sinerxías que comezou fai escasos 10 anos”, e puxo en valor o rural da Estrada, que “ten moito que dicir en canto ao turismo sostible”.

Miguel Soto lembrou que “na Estrada sempre houbo tradición de elaboración de sidra, e o que nós estamos facendo é recuperar esta tradición e os lagares antigos da nosa zona”. Ademais, “debemos conseguir que a xente poña en valor este elemento turístico, que ten moito encanto agora en floración e tamén no verán coas maceiras xa en produción, para poder xerar valor engadido e negocio con este produto de gran calidade”.

A Deputación oferta na ruta das maceiras en flor 40 prazas por quenda, cunha participación total de 160 persoas. En todas elas as rutas comezarán visitando a plantación de maceiras de Callobre e a Finca A Sobreira. No punto de partida, ademais, poderán observar a sobreira de Valiñas, un exemplar de máis de 300 anos, de máis de 22 metros de altura e considerado un dos máis importantes da especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita ás plantacións, as persoas participantes desprazaranse ata un dos 4 lagares participantes para facer unha degustación dos seus produtos.

O sábado 29 de abril celebraranse dúas quendas: pola mañá ao Lagar de Ribela (na aldea que leva o seu nome) e pola tarde á Sidrería Camino (en Moreira). O domingo 30 de abril realizarase a visita ao lagar Rabiosa (en Pardemarín) e, finalmente, o luns 1 de maio ao lagar Peroja (na aldea de Agar), ambas as dúas en horario de mañá.

As prazas para asistir á actividade xa se poden reservar a través dun formulario habilitado na web de Turismo Rías Baixas. Outorgaranse por estrito orde de inscrición e só se poderán solicitar un máximo de 4 prazas por reserva. A Deputación porá á disposición das persoas interesadas un autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.