A Deputación de Pontevedra destinará máis de 300.000 euros á formación das mulleres a través de “+Xuntas”

O programa provincial ofertará máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións enmarcados en catro temáticas: tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde

30/01/2024

Rolda de prensa de Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases do programa provincial “+Xuntas”, co que busca mellorar a formación básica das mulleres da provincia e as súas condicións de vida. Cun orzamento de 320.000 euros, o programa ten como obxectivos, como explicou o presidente da Deputación, Luis López, “crear redes de apoio para impulsar a participación activa e a xeración de vínculos entre participantes, así como fomentar as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias”.

A través de “+Xuntas” a Deputación ofrecerá 207 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento. Cada entidade interesada poderá solicitar, entre este xoves 1 de febreiro e o 1 de marzo, un obradoiro entre os ofertados, que se enmarcan en catro temáticas diferentes.

Desta maneira, “+Tecnoloxía” contempla cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de Administración electrónica e de administradoras de redes sociais; “+Creatividade”, obradoiros de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro; “+Natura”, accións formativas centradas nas plantas medicinais, na conservación de alimentos, na xardinería, nas hortas ecolóxicas e na arte floral; e, por último, “+Saúde”, obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena. Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e teñen unha duración de 35 horas.

videos

audios