A Deputación leva este xoves a Redondela o programa provincial +Música cunha actuación de Treixadura
Treixadura actuará no paseo marítimo de Chapela ás 23:00 horas
22/07/2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 24 de xullo a Redondela un concerto de Treixadura, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no paseo marítimo de Chapela ás 23:00 horas.
Treixadura leva aos escenarios un espectáculo de canto e gaita, que eleva a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Desde 1990 recuperan melodías do anonimato, crean novas composicións e comparten a forza evocadora do canto colectivo. A súa actuación en Redondela é unhas das citas coas que despide “Camiño longo”, o seu último traballo discográfico publicado en 2022 e no que se recollen as tres décadas de vida do grupo.
O concerto de Treixadura é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.