A Deputación leva este sábado a The Rapants ata Catoira a través do programa provincial +Música

O grupo actuará na Avenida da Ponte-Estación ás 00:00 horas como un dos pratos fortes do festival VikingMusic, unha das actividades da Romaría Vikinga

30/07/2025

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 2 de agosto a Catoira un concerto de The Rapants enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Avenida da Ponte-Estación a partir das 00:00 horas e será un dos pratos fortes da programación do VikingMusic, unha actividade cultural incluída no programa da 65ª edición da Romaría Vikinga de Catoira.

The Rapants é unha das bandas máis populares do momento, cunha proposta de indie e garage que achega frescura ao panorama musical galego con temas animados e directos enérxicos. O grupo presentará en Catoira algúns dos seus temas máis populares nun espectáculo sen complexos, con moitos “riffs” e bailes descarados.

O concerto de The Rapants é dunha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.