Marta Fernández-Tapias resalta a importancia da comunicación estratéxica “como garantía de éxito das organizacións” na apertura do I Foro Dircom Galicia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra destacou a necesidade destas xornadas para “reciclarnos, formarnos e intercambiar experiencias e boas prácticas, así como debater sobre cuestións relacionadas coa comunicación neste momento que vivimos”

30/01/2024

Marta Fernández-Tapias no I Foro Dircom Galicia

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández- Tapias, participou este martes no Círculo de Empresarios de Galicia na apertura do I Foro Dircom Galicia “La comunicación estratégica” xunto á presidenta de Dircom Galicia, Tesa Díaz-Faes, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.  “Trátase dun foro moi necesario que nos permite reciclarnos, formarnos e intercambiar experiencias e boas prácticas, así como debater e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa comunicación que necesitan unha atención especial neste momento que vivimos”, asegurou a vicepresidenta na apertura do encontro.

Fernández-Tapias, que comezou a súa intervención resaltando o papel estratéxico de Vigo no ámbito empresarial e da comunicación, incidiu na importancia da comunicación estratéxica “como garantía de éxito de toda organización, xa que repercute positivamente nos resultados das empresas e institucións e en como se vai construíndo e afianzando a reputación corporativa”. Tamén tivo oportunidade de reflexionar sobre o impacto das novas tecnoloxías, da dixitalización, de internet e das redes sociais na comunicación estratéxica,  que obriga as e os seus profesionais a enfrontarse a novos retos, coma o aumento da confianza, a necesidade de dirixir e motivar equipos de comunicación cada vez máis cualificados e preparados, o uso de datos, o desenvolvemento de novos roles profesionais, así como a importancia de chegar á audiencia nun mundo hiperconectado ou  de construír relacións en tempos de desinformación.

O “I Foro Dircom Galicia “La comunicación estratégica”, impulsado pola asociación Dircom Galicia, que está integrada por máis de corenta directivas e directivos e profesionais da comunicación que exercen en Galicia, naceu para concienciar o tecido empresarial galego sobre o valor engadido que lles achega unha boa xestión da comunicación corporativa ás compañías. Deste xeito, nesta primeira xornada que acolleu o Círculo de Empresarios de Vigo, afondouse na reputación, no propósito corporativo e liderado, na comunicación interna e na atracción de talento, nos asuntos públicos e nas relacións institucionais, na sostibilidade, e na comunicación externa e na xestión de crises.

Neste primeiro encontro participaron como conferenciantes Yago de la Cierva, profesor do IESE Business School; José Manuel Velasco, orientador e formador en comunicación e liderado; Carmen Lence, CEO de Lence-Grupo Leche Río; Federica Pirovano, de Comunicación Interna de Inditex; Beatriz Mato, directora de Asuntos Corporativos de Greenalia; José Fernández- Alva, director xeral de DIRCOM; María Victoria Sánchez, directora de Comunicación de Nauterra; Margarita Hermo, directora de Comunicación de Jealsa; María Canle, directora de Comunicación Global de El Pulpo; e Patricia Forteza, directora de Comunicación de QuirónSalud en Galicia.

Galerias de imagenes