Marta Fernández-Tapias asistiu no Pazo da Cultura de Pontevedra á presentación da XVI edición de Culturgal

16/11/2023

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu no Pazo da Cultura de Pontevedra á presentación da XVI edición de Culturgal, que se desenvolverá entre o 1 e o 3 de decembro na cidade do Lérez. A vicepresidenta lembrou que esta é “unha das citas máis importantes das culturas galegas para amosar o músculo dun sector traballador, innovador, dinámico e prometedor”, e adiantou que a institución provincial “contará cun espazo propio, porque cremos na cultura e imos darlle un enorme pulo neste mandato”.

Marta Fernández-Tapias avanzou que a Deputación de Pontevedra levará a Culturgal o lema “+ Provincia + Cultura” coa idea de “comunicar que a través da cultura tamén se fai provincia”, nunha aposta “pola creatividade, a tradición, o patrimonio e os valores persoais que fan que medre a cultura e, coa cultura, tamén medre a provincia”. Isto traducirase na divulgación das accións culturais tanto da Deputación coma dos concellos da provincia, “porque se a cultura fai provincia é porque cada concello suma”. A programación incluirá accións musicais e de danza, ademais de obradoiros creativos para a rapazada co obxectivo de dinamizar a feira. Ademais, a xente que se achegue ao posto da Deputación en Culturgal poderá levar de agasallo unha bolsa de tea coa nova imaxe institucional.

A vicepresidenta aproveitou a ocasión para recordar, tal como avanzou esta semana, que “os días 23 e 24 de novembro a Sede de Vigo acollerá unha combinación entre literatura, poesía e música” da man da Culturgal Expandida, con charlas sobre memoria histórica e sobre os Premios Xerais, recitais poéticos e actuacións musicais coma a de Leilía co gallo da súa xira de despedida.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.