Luis López destaca o investimento de case 350.000 euros para mellorar a accesibilidade peonil na rúa Alameda da Lama

O presidente da Deputación de Pontevedra asinou este martes un convenio de colaboración, enmarcado no programa PON2030, co alcalde David Carrera

15/11/2023

Luis lópez e David Carrera, alcalde da Lama

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este martes no seu despacho do Pazo provincial o alcalde da Lama, David Carrera, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 300.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para mellorar a accesibilidade peonil na rúa Alameda deste municipio. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (30.000 euros). Trátase dun novo exemplo do municipalismo que rexe a acción de Goberno da Deputación, que neste caso lle permitirá á veciñanza da Lama gozar dun espazo ao aire libre renovado e no que as e os peóns serán os protagonistas.

A obra, valorada nun total de 336.000 euros, servirá para mellorar a accesibilidade peonil na rúa e para que esta céntrica vía ofreza unha imaxe máis coidada e adaptada aos novos tempos. Para acadar o obxectivo, a intervención consistirá na substitución do pavimento actual de asfalto por outro de lousas de granito para a zona peonil e de formigón para as zonas de uso mixto. Ademais, adoptaranse medidas para reducir a velocidade dos vehículos, crearase unha plataforma única que lle dará prioridade á mobilidade peonil, delimitaranse as zonas de aparcamento, ampliaranse as beirarrúas, plantaranse novas árbores, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e adaptarase a iluminación á contorna; un proxecto que contribúe a humanizar o espazo público, reducir o uso do coche e situar a Lama na senda da axenda urbana europea na que está a traballar a Deputación apoiando proxectos deste tipo.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán rematar antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello da Lama realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Acordos coma o asinado entre o Concello da Lama e a Deputación son un exemplo de que para o Goberno provincial os protagonistas son os 61 concellos. Con esta humanización, A Lama contará cunha nova rúa Alameda, que simboliza tamén un novo ciclo de colaboración e entendemento entre o Concello e a Deputación.