A Deputación destinará máis de 67.000 euros a Tui para financiar integramente a mellora do firme na vía municipal entre a EP-2502 e a PO-342, en Ribadelouro

O deputado provincial Roberto Carrero visitou o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos provinciais

20/07/2025

Roberto Carrero visita Tui

O deputado provincial Roberto Carrero visitou Tui, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente con máis de 67.000 euros as obras para a mellora do firme na vía municipal entre a EP-2502 e a PO-342, en Ribadelouro. A cidade de Tui recibe este ano un total de preto de 1,2 millóns de euros no marco do  Plan +Provincia do organismo provincial.

O deputado deu conta dos traballos que Tui levará a cabo con estes fondos da Deputación e que permitirán reparar o firme na vía municipal entre a EP-2502 e a PO-342, en Ribadelouro. Na actualidade, a vía presenta un avanzado deterioro e o seu pavimento de aglomerado asfáltico amosa numerosas fochancas. O proxecto contempla a limpeza do terreo en ambas marxes, a  execución dunha cuneta, tubaxe soterrado de PVC e dúas arquetas prefabricadas para canalizar as augas pluviais, a aplicación dun rego mediante emulsión asfáltica, o reforzo do firme cunha capa de 5 centímetros de formigón bituminoso en quente e o incremento dos pozos de rexistro ata a nova rasante do pavimento.

Roberto Carrero puxo en valor que cos recursos provinciais "estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza". Neste sentido, o deputado sinalou que a Deputación "está a impulsar actuacións tan relevantes como a que hoxe anunciamos en Tui, que non só melloran a seguridade viaria da vila, senón que a modernizan e impulsan o avance de toda a nosa provincia".