O Museo comeza este xoves as visitas guiadas á exposición “De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas Xeracións de Mulleres para a historia de Pontevedra”

Serán todos os xoves ás 18 horas e súmanse aos percorridos teatralizados que xa se están a facer os sábados

14/03/2022

De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a  historia de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vai iniciar este xoves 17 de marzo as visitas guiadas á exposición ‘De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’. Os percorridos serán todos os xoves ás 18 horas ata o fin da mostra e non será necesario apuntarse previamente.

Estes itinerarios súmanse ás visitas teatralizadas que xa se están a realizar, nas que se fai un percorrido pola mostra por parte do personal do departamento de Educación coa participación de María e Concha Mendoza –dúas das protagonistas da exposición-, representadas pola compañía Señora Supina. Estas visitas son os sábados en dous pases, ás 17:30 e ás 19:00 horas, e precisase inscrición previa no correo reservas.museo@depo.gal.

De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza  Babiano.  Dúas  xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra’ é unha mostra que pretende amosar cunha visión obxectiva, baseada na investigación, quen eran Carmen Babiano Méndez-Núñez e as súas fillas María e Concha Mendoza, mulleres burguesas que viviron no ‘Palacete  das Mendoza’ na Pontevedra de finais do século XIX e principios do XX.

A exposición –aberta ata o 24 de abril- está comisariada polas conservadoras do Museo de Pontevedra Reis  Camiña, Beatriz de San Ildefonso e Natalia Fraguas. Está composta de obxectos persoais, obras de arte, libros, fotografías inéditas ou exemplos da súa vestimenta que forman parte dos fondos do propio Museo de Pontevedra e foron restaurados para esta ocasión, en moitos casos a primeira que son expostos ao público.

A través de todos eses fondos pódese coñecer o tipo de educación que recibía unha muller da alta sociedade como Carmen Babiano, quen desenvolveu actividades artísticas e culturais que tiveron unha importante repercusión no ambiente intelectual de Pontevedra na segunda metade do século  XIX. A súa formación transmitiuna ás súas fillas que, seguindo o seu exemplo, converteron a residencia familiar, o ‘Chalé Méndez Núñez’, despois coñecido como ‘Palacete das Mendoza’, nun referente cultural.

O percorrido da mostra está estruturado en dúas partes: unha primeira dedicada á nai e a súa traxectoria como artista, e unha segunda -máis ampla-, que reflicte a vida das súas fillas como continuadoras do seu legado. A sociedade, o Palacete das Mendoza como reflexo do luxo burgués, Oriente no chalé, a imaxe interior e o culto á beleza e a moda e os complementos, son os distintos apartados nos que se desenvolve a exposición, que ofrecerá a oportunidade de ver pezas nunca antes amosadas.

Galerias de imagenes