O indie-folk do belga A Singer of Songs soará este venres na igrexa do convento de Santa Clara

O concerto, organizado polo Museo de Pontevedra, terá lugar ás 19:30 horas e xa esgotou todas as prazas

04/10/2023

O Museo de Pontevedra organiza para este venres 6 de outubro, ás 19:30 horas, un novo concerto de balde na igrexa do convento de Santa Clara que ten xa todas as prazas esgotadas. A Singer of Songs, alter ego do belga Lieven Scheerlinck, interpretará a súa música en directo, e presentará o seu primeiro libro, Dulce derrota. Desde 2008 publicou seis álbums de estudio e dous EP colaborativos con Tiny Ruins e Withered Hand. As súas cancións foron comparadas pola prensa con Sparklehorse, Iron & Wine, Vic Chesnutt e “copos de neve caendo a cámara lenta”.

Lieven Scheerlinck publicou esta primavera o seu primeiro libro, titulado Dulce derrota, editado polo selo discográfico Son Canciones, do que é cofundador. Co alias A Singer of Songs, pasou doce anos publicando cancións e xirando por salas de España, Europa e América. En 2020 decidiu deixar a guitarra e coller o bolígrafo. Empezou a anotar algunhas das historias que contaba desde os escenarios, ata que se decatou de que estaba a escribir un libro. O concerto supón a presentación do seu debut literario en Pontevedra, cidade á que o unen lazos afectivos.

O artista define así o seu directo: “podes esperar un concerto, pero tamén moitas historias sacadas das 200 páxinas do libro. Historias sobre música, claro, pero tamén sobre empezar de cero en Barcelona e ser pai de acollida. Sobre como todos somos a promesa de algo nalgún momento, para deixar de selo en calquera outro. Sobre a acne e Romario, The Final Countdown e Chernóbil. Pero en primeiro lugar, sobre perder, no amor, no sexo, na alfombra vermella, no xornalismo, na cancha de tenis, nos concursos de playback e… na música. E sobre como, cando aprendas a vivir coa derrota, xa nunca máis serás derrotado”.