O Museo aumenta o tirón de público e rexistra a mellor cifra de visitantes no primeiro trimestre dos últimos sete anos

As visitas en grupos entre xaneiro e marzo multiplicáronse case por cinco grazas á volta das e dos escolares ás salas de exposición e actividades

13/04/2022

Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra segue a aumentar o seu tirón e continúa a mellorar as cifras de visitantes de anos anteriores. As últimas estatísticas revelan que a institución vén de rexistrar neste 2022 o mellor dato de público no primeiro trimestre de entre os últimos sete exercicios: preto de 16.000 persoas coñeceron algún dos edificios abertos á cidadanía entre xaneiro e marzo.

O número de visitas vai ‘in crescendo’ tanto nas visitas individuais como colectivas. No apartado de visitas non concertadas e realizadas por familias, parellas ou de maneira singular, rexistráronse 7.009 persoas que pasaron polas instalacións expositivas (Edificio Castelao e Sarmiento), de investigación e administrativas, ou patrimoniais (Ruínas de San Domingos –só dende o 15 de marzo). Cabe destacar a boa cifra rexistrada no mes de xaneiro deste 2022, que superou amplamente as 4.000 persoas, situándose en datos de record que igualan cifras de 2013. No mes de marzo recibíronse 1.637 persoas e en febreiro 1.299.

O dato xeral, incluíndo os grupos, é o máis destacable dos bos números do primeiro trimestre, xa que as cifras son exponenciais con respecto a 2021, cando o Museo tivo que estar pechado por mor da pandemia. Entón apenas rexistrara 3.565 visitas (750 en xaneiro, 197 en febreiro e 2.618 en marzo), se ben entre xaneiro e marzo deste ano pasou polas instalacións case cinco veces máis público, 15.498 persoas (5.180 en xaneiro, 2.932 en febreiro e 7.386 en marzo).

Segundo explica o director Xosé Manuel Rey, as visitas volveron “renacer” pola reactivación das excursións escolares para coñecer as salas do Museo, tanto a súa colección permanente como as coleccións temporais, e tamén a participación en actividades organizadas polo departamento de Educación. Esta afluencia segue, posto que xa fóra do cómputo do primeiro trimestre, na primeira semana de abril, máis de 400 estudantes de Educación Primaria, ESO e Bacharelato de Ferrol, Salcedo, Pontevedra, Redondela ou  Nigrán participaron nas visitas didácticas incluídas no programa educativo co que se busca que a rapazada aprenda e valore a historia, a arte e a cultura.

De seguir con estes números o peche do ano será histórico para o Museo: se o exercicio pasado se acadaran máis de 126.000 visitas aínda sen as visitas escolares en todo o ano, neste 2022 poderán acadarse os 150.000 das mellores épocas, sobre todo ante unha expectativa moi alta para os meses de verán.