O Museo convoca o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2022

Mantense a contía dos premios: catro bolsas de 7.500 euros para que as autoras e autores galardoados amplíen os seus estudos artísticos

02/05/2022

A Deputación de Pontevedra,a través do Museo de Pontevedra, vén de convocar o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2022 destinado a recoñecer e valorar publicamente méritos artísticos excepcionais e promover a formación de artistas noveis. O Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) publica hoxe as bases, e as persoas interesadas disporán de cinco días hábiles contadas a partir de mañá para presentar as solicitudes de participación.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas nas modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras. Este labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis vense realizando de maneira histórica, estando xa documentadas na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX, e con continuidade e vixencia plena na actualidade.

Poderá participar neste certame calquera artista, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre 18 e 35 anos na data de presentación da solicitude. Os premios consistirán na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos.

As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas, polo que non se admitirán as xa expostas nas anteriores edicións deste certame ou noutras mostras, individuais ou colectivas, ou que participasen noutros concursos. Só se aceptará unha obra por artista e o seu peso non poderá superar os 500 kg e as súas dimensións máximas non excederán os 2 x 2 m ou, no seu caso, os 2 x 2 x 2 m. No apartado de audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte dixital nos formatos máis usuais e o tempo de proxección non excederá os 5 minutos.

Procedemento de participación          

O procedemento para participar constará de catro fases: a primeira, de presentación de solicitudes; a segunda, de selección de propostas; a terceira, de presentación de obras seleccionadas; e a cuarta, de concesión das bolsas. A cada solicitude de participación asignaráselle un código de preinscrición. 

A primeira fase, de presentación de solicitudes, farase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) . Inicialmente só será preciso presentar un formulario cos datos persoais no prazo de cinco días hábiles contando dende mañá.

Feito ese paso, as persoas interesadas que reúnan os requisitos da convocatoria recibirán un correo electrónico no que se lle indicará a validación desta e o código asignado á súa obra, así como o modelo anonimizado necesario para presentar a proposta técnica segundo o previsto no seguinte punto.

Cumplimentado o trámite inicial será cando a persoa solicitante deberá achegar un ‘adianto’ da súa obra, entre o 23 e o 28 de maio de 2022. Nese adianto debe incluírse o modelo de presentación anonimizado –co código do proxecto-; ata cinco fotografías da creación nun formato adaptado aos admitidos na Sede electrónica; unha memoria da obra presentada que inclúa a ficha técnica da mesma (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; un dossier cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística; e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.

Na segunda fase, unha vez revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase o xurado para examinar, valorar e seleccionar  ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra ‘Novos Valores 2022’, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 7 de xullo ao 11 de setembro de 2022.

Na terceira fase farase a presentación da obra orixinal seleccionada por parte das persoas autoras. As pezas entregaranse entre o 22 e o 27 de xuño de 2022 de maneira persoal ou a través dun medio de transporte que garanta o seu estado. As obras seleccionadas reproduciranse ben na páxina web do Museo de Pontevedra (www.museo.depo.gal), ben nun catálogo impreso que se editaría como complemento da exposición.

Finalmente, na cuarta fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as obras, propoña catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas. As obras premiadas quedarán en posesión da Deputación de Pontevedra, que poderá levar a cabo as accións que considere oportunas para a súa difusión, e sempre fará constar a autoría. A concesión da bolsa será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano, para materializar a proposta.

O xurado estará composto polo vicepresidente da Deputación ou a deputada ou deputado en quen delegue, cinco persoas de recoñecido prestixio e o director do Museo de Pontevedra, así como o secretario da Deputación ou a funcionaria ou funcionario en quen delegue. O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningunha das obras presentadas ao certame reúne os méritos suficientes para ser premiada.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.