O Sárdoma, partido a partido contra o machismo no fútbol feminino

Unha ampla delegación do Sárdoma C.F. feminino, que vén de ascender á Segunda RFEF foi recibida hoxe na Deputación de Pontevedra polo deputado Gorka Gómez.

06/07/2022

Sárdoma C.F  

O equipo, capitaneado por Yaiza Montedo, e coa súa presidenta, Begoña Aldao, á fronte reivindicou o “merecidísimo ascenso” ao segundo dos tres chanzos en que se organiza a competición de fútbol feminino española. Deste xeito, o Sárdoma pasará esta temporada a xogar contra equipos de todo o norte de España. Gorka Gómez eloxiou o “cholismo” dun equipo que non só gaña no terreo, senón tamén fóra, “derrotando partido a partido ao machismo que existe especialmente no fútbol, pero tamén noutros moitos deportes”. Gómez botou a vista atrás e lembrou que “a Deputación de antes” entregaba premios diferentes aos equipos masculinos e femininos que participaban na Copa Federación, ou subvencionaba con cantidades diferentes aos equipos cunha clara discriminación de xénero. “Todo iso acabou cunha presidenta como Carmela Silva e igualáronse as subvencións”. Ademais felicitou ás xogadoras, ao equipo directivo e ao corpo técnico que “dende a sombra” contribuíron a este desexado ascenso.

Begoña Aldao denunciou “as comparacións” que se fan no mundo do fútbol nun claro desprecio cara os equipos femininos. “Segue habendo moito machismo, como demostra que a Segunda División en homes é un deporte profesional, mentres que en mulleres non, o que impide desenvolver carreiras deportivas profesionais a  estas xogadoras”. “O esforzo é igual, así que o recoñecemento tamén debería de selo”, engadiu. A presidenta do Sárdoma reivindicou, por outra banda, o fito deste ascenso: “En Vigo está o Celta en masculino e o Sárdoma en feminino; e xa digo que non imos parar aquí, seguiremos traballando moi duro porque o obxectivo é chegar a Primeira División Iberdrola”. Con perspectiva histórica lembrou que dende o ascenso do Olivo no ano 2011, ningún equipo feminino vigués levara o fútbol e o nome de Vigo a este nivel.

Yaiza, a capitana, afirmou que nunca un ascenso foi tan merecido. Despois de 12 anos na disciplina do Sárdoma vive o seu segundo ascenso e comprometeu traballo e compromiso de todo o grupo para non quedar aí e loitar por un novo paso adiante. Iso, engadiu, a pesar das dificultades de compatibilizar traballos e estudos con adestramentos, desprazamentos e partidos, un reto cada vez máis esixente.

 

Noticias relacionadas

 
		A Deputación oferta aos concellos a xestión das escolas de patinaxe para que ningún nena/o quede fóra trala renuncia unilateral da federación galega

A Deputación oferta aos concellos a xestión das escolas de patinaxe para que ningún nena/o quede fóra trala renuncia unilateral da federación galega

O deputado Gorka Gómez agradece a receptividade dos municipios afectados e garántelles que disporán do mesmo soporte económico do que gozaba a Federación

 
		Vigo escenario da xornada da Deputación e da FEMP para explorar as oportunidades do deporte na loita contra as desigualdades no marco da Axenda 2030

Vigo escenario da xornada da Deputación e da FEMP para explorar as oportunidades do deporte na loita contra as desigualdades no marco da Axenda 2030

A xornada “ODS e Deporte” terá lugar o 21 de setembro no Mar de Vigo e contará coa presenza do Secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco

 
		Aposta pola saúde a través do deporte co apoio ao “dragon boat” do BCS da man do Club Piragüismo Pontevedra, ADICAM e a Deputación

Aposta pola saúde a través do deporte co apoio ao “dragon boat” do BCS da man do Club Piragüismo Pontevedra, ADICAM e a Deputación

Unha ducia de mulleres da provincia con cancro de mama ou xinecolóxico viaxan esta fin de semana a Asturias para competir na Copa de España

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.