A Deputación inicia este xoves en Pontevedra os obradoiros de banda deseñada Xuventude en Viñetas

A formación “Banda deseñada desde cero. O meu día a día en viñetas” a cargo de Sergio Covelo terá lugar ás 17:00 horas no Edificio administrativo da institución provincial 

10/11/2025

A Deputación de Pontevedra inicia este xoves, 13 de novembro, en Pontevedra o novo programa Xuventude en Viñetas, un ciclo de obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. A primeira cita destas formacións, a cargo de Sergio Covelo, desenvolverase en horario de 17:00 a 19:00 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da institución provincial.

O obradoiro “Banda deseñada desde cero. O meu día a día en viñetas” incluirá contido teórico sobre tipos de planos, elementos básicos da banda deseñada e o proceso técnico, e unha parte práctica baixo o título “Transforma a túa vida nunha páxina de banda deseñada”. Tralo seu paso por Pontevedra, os obradoiros chegarán neste mes de novembro ao concello da Estrada (15 de novembro) onde se analizará a creación de personaxes, a Sanxenxo (22 de novembro) cuxa temática xirará arredor de como se fai un manga e a Ponteareas (29 de novembro) para abordar a composición visual na banda deseñada.

Xuventude en Viñetas busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia, á vez que promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrece un ocio saudable e alternativo. Todos os obradoiros teñen como fío condutor a vida na provincia e as mozas e mozos participantes deberán levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores.

 

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.