A Deputación continúa este sábado en Sanxenxo os obradoiros de banda deseñada Xuventude en Viñetas

A sesión formativa “Como se fai un manga”, a cargo de Lucía Cid, terá lugar ás 11:00 horas na Casa Mariñeira de Portonovo

20/11/2025

A Deputación de Pontevedra continúa este sábado, 22 de novembro, no concello de Sanxenxo o novo programa Xuventude en Viñetas, un ciclo de obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. A segunda cita destas formacións, a cargo de Lucía Cid, desenvolverase en horario de 11:00 a 13:00 horas na Casa Mariñeira de Portonovo.

O obradoiro "Como se fai un manga" abordará a historia e autores relevantes do manga, os seus distintos xéneros, estilos e estruturas narrativas, ademais da creación dun storyboard e técnicas de coloreado e uso de bocadillos e textos. Completarase coa realización dun exercicio práctico que consistirá na creación dunha páxina de manga futurista na vila. Tralo seu paso por Sanxenxo, os obradoiros de Xuventude en Viñetas continuarán o 29 de novembro en Ponteareas para abordar a composición visual na banda deseñada.

Xuventude en Viñetas busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia, á vez que promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrece un ocio saudable e alternativo. Todos os obradoiros teñen como fío condutor a vida na provincia e as mozas e mozos participantes deberán levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores.