#XUVENTUDE

Xuventude en Viñetas

Obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, organiza Xuventude en Viñetas, un ciclo de obradoiros de banda deseñada complementario á segunda edición do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes.



Esta iniciativa busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia, promover a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrecer un ocio saudable e alternativo.

A actividade estará conformada por un total de catro obradoiros, dous de nivel iniciación e dous de nivel intermedio, que son os seguintes:

  1. Banda Deseñada desde Cero. O Meu Día a Día en Viñetas
  2. Obradoiro de Creación de Personaxes
  3. Como Se Fai un Manga?
  4. Como Contar Historias: a Composición Visual na Banda Deseñada

Todas estas actividades terán un fío condutor común: a vida na provincia.

Información práctica

  • Persoas destinatarias: mozas e mozos de 12 a 18 anos residentes na provincia.
  • Gratuítos, con prazas limitadas (de 8 a 15 persoas por obradoiro).
  • Materiais: cada participante deberá levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores.
  • Inscricións: formulario.

Contidos dos obradoiros

1. Nivel iniciación

Obradoiro 1: Banda Deseñada desde Cero. O Meu Día a Día en Viñetas

Docente: Sergio Covelo

Data: xoves 13 de novembro de 17 a 19 h

Lugar: salón de actos do Edificio Administrativo. Avenida de Montero Ríos, s/n, Pontevedra

Contidos:

1. Contido teórico (30 minutos)

  • Tipos de planos: a importancia dos planos para coñecer a narrativa visual. Plano xeral vs. plano detalle. Picado, contrapicado, cenital e plano medio. Os paralelismos co cine e cos videoxogos.
  • Elementos básicos da banda deseñada: viñetas, globos de diálogo, onomatopeas.
  • Proceso técnico: pasos a seguir desde o bosquexo con formas xeométricas ata a tinta final. Erros frecuentes en principiantes.

2. Exercicio práctico (1,5 horas): “Transforma a túa vida nunha páxina de banda deseñada”

  • Inspírate en escenas da túa vida (saída do instituto, unha festa local...).
  • Emprega referencias visuais e engade fantasía coa axuda do docente.
  • Aplica o aprendido usando distintos planos e elementos (viñetas, globos etc.).

 

Obradoiro 2: Obradoiro de Creación de Personaxes

Docente: Lucía Cid

Data: sábado 15 de novembro de 11 a 13 h

Lugar: Sala Abanca. Rúa de Calvo Sotelo, 7, A Estrada

Contidos:

1. Contido teórico (30 minutos)

Fundamentos básicos de creación de personaxes:

  • Aspecto físico: formas corporais, esaxeración de trazos e a teoría das siluetas.
  • A personalidade e trazos psicolóxicos: tipos de personalidade, eneatipos e teoría das personaxes de cores.
  • Estilos artísticos: manga, franco-belga clásico, liña clara, escola de Marcinelle, webtoon etc.
  • Análise de personaxes famosos: características que os destacan.

Proceso creativo:

  • Aspectos que se deben ter en conta para deseñar unha ou un personaxe carismático.
  • A documentación e a inspiración.
  • Exemplo práctico: paso a paso da creación dun personaxe de Dinocarreras.

2. Exercicio práctico (1,5 horas): "Deseña un personaxe de fantasía inspirado na túa vila"

  • Crea atributos visuais baseados en elementos locais (ex.: mariscadora con poderes do litoral).
  • Inclúe unha breve descrición do seu vínculo co territorio.
2. Nivel intermedio

Obradoiro 3. Como Se Fai un Manga?

Docente: Lucía Cid

Data: sábado 22 de novembro de 11 a 13 h

Lugar: Casa Mariñeira de Don Fernando. Rúa do Doutor Lalinde del Río, 3, Portonovo

Contidos:

1. Contido teórico (30 minutos)

  • Historia do manga e autoras e autores relevantes.
  • Xéneros: kodomo, shojo, shonen, seinen e josei.
  • Estilos e a simplificación do corpo humano.
  • Estruturas narrativas: a viaxe do heroe, a estrutura clásica e os personaxes.
  • Proceso técnico: creación dun storyboard, o coloreado (tradicional/dixital) e o uso de bocadillos e textos.

2. Exercicio práctico (1,5 horas): “Crea unha páxina de manga futurista na túa vila”

  • Deseña un escenario futurista baseado no teu concello.
  • Crea un personaxe principal con deseño manga.

 

Obradoiro 4. Como Contar Historias: a Composición Visual na Banda Deseñada

Docente: Sergio Covelo

Data: sábado 29 de novembro de 11 a 13 h

Lugar: Artistea Residencia de Artistas. Praza Maior, 39, Ponteareas

Contidos:

1. Contido teórico (30 minutos)

Breve historia da banda deseñada desde a aparición de The Yellow Kid.

  • Autores clásicos e referentes internacionais: Ibáñez, Escolar, Paco Roca, Osamu Tezuka, Akira Toriyama, Frank Miller etc.

Creación de guións

  • Fases: sinopse, argumento, guión técnico e storyboard.
  • Estruturas narrativas: desde “inicio, nó, desenlace” a técnicas complexas.

Composición de páxinas

  • Como construír unha páxina de BD dun xeito planificado: que composición é a máis axeitada para a miña historia?
  • Comparativa entre estilos: cómic norteamericano (comercial e alternativo), europeo e manga.
  • Diferenzas e semellanzas das narrativas da BD.

2. Exercicio práctico (1,5 horas): “Unha páxina, unha historia: retrata a túa comarca”

  • Crea unha historia breve que aborde un problema real ou imaxinario da túa comarca (ex.: a contaminación dun río ou a emigración xuvenil).
  • Aplica os conceptos de composición e guión aprendidos, planificando a distribución das viñetas e o fluxo narrativo para transmitir a mensaxe de forma efectiva.

As persoas docentes

Contamos con Lucía Cid e Sergio Covelo, artistas formados na provincia que converteron as súas inquedanzas creativas nunha profesión e que serven de inspiración para as novas xeracións.

Lucía Cid

Lucía Cid

Residente no Grove, estudou na escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético. Actualmente traballa en proxectos de creación de cómics e ilustración de libros infantís e xuvenís, ademais de impartir obradoiros en centros educativos.

Fixo o seu debut como autora con Maia e a troita perlada (Demo Editorial, 2024) e en 2025 publicou a súa segunda obra,Dinocarreras (Astronave Editorial), en castelán, que será tamén publicada en galego proximamente (Retranca Editorial).

No 2021 foi galardoada en diversos concursos: premio de obra finalista no Concurso de Cómics Ciutat de Cornellà; Premio Cíes Talent; e terceiro premio na categoría de banda deseñada nos Premios Provinciais á Xuventude de Pontevedra.

https://plumiamell.wixsite.com/luciacidd/about-contact

@plumiamell

 

 

 

 

 

Sergio Covelo

Lucía Cid

Licenciouse en Belas Artes na cidade de Pontevedra e desde entón traballou como ilustrador, deseñador e tamén facendo banda deseñada, vinculado sobre todo ao colectivo Polaqia.

Desde 1992 estivo a colaborar en fanzines, sobre todo galegos (desde Chámalle X a Improv!).

Os seus cómics máis relevantes son o editado polo Concello de Vilar de Santos, a súa participación na colección Solysombra e o seu titulado Bajo asedio, realizado en 24 horas.

En 2024 fundou, xunto co seu irmán Hugo Covelo, o selo Lura Cómics en Vigo, cuxo primeiro lanzamento foi Moa.

https://www.sergiocovelow.com/about

@sergiocovelo_art

Xuventude en Viñetas - Formulario de inscrición