A Deputación pon en marcha este Entroido obradoiros de elaboración de máscaras no Museo de Pontevedra dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 10 anos

Os animais presentes na colección artística do museo inspirarán as persoas participantes nos obradoiros que terán lugar o luns e o martes de Entroido. A inscrición pódese facer desde este martes 6 de febreiro ás 9:00 horas en reservas.museo@depo.gal

05/02/2024

Obradoiros de entroido no Museo 2024

O Museo de Pontevedra organiza o luns e o martes de Entroido dúas quendas dun obradoiro de elaboración de máscaras, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 10 anos. A actividade, de 90 minutos de duración, terá unha quenda o luns 12 de febreiro e outra o martes 13, ambos os días de 11:30 a 13:00 h. Cada unha das quendas contará con 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición mediante o enderezo electrónico reservas.museo@depo.gal a partir do martes 6 de febreiro ás 9 h da mañá.

Neste obradoiro, impartido polo equipo de Educación do museo, as nenas e os nenos coñecerán algúns dos protagonistas e personaxes tradicionais do noso Entroido. A parti dalgunhas das obras de arte expostas no Museo de Pontevedra relacionadas cos animais poderán realizar as súas propias máscaras, dunha forma libre e creativa.

Este obradoiro ten como obxectivo principal fomentar a creatividade da rapazada, o coñecemento das tradicións galegas ligadas a estas datas e o achegamento dunha maneira divertida á colección artística e patrimonial do museo. Ao mesmo tempo, quere ser unha alternativa de conciliación para as familias en días non lectivos. Esta liña de obradoiros continúa noutros períodos de vacacións escolares ao longo do ano, coma Semana Santa, verán ou Nadal.