O Museo centra este ano os seus obradoiros de verán para crianzas nas mulleres artistas, Galiza e a arte rupestre

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para as catro sesións dispoñibles

20/06/2022

Obradoiros de verán

O Museo de Pontevedra abre hoxe –ata o día 27- o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2022 cunha variada proposta de actividades para nenas e nenos entre 6 e 12 anos. Baixo os títulos ‘O club dos pinceis’, ‘Arte Rupestre’, ‘Pintura Contemporánea’ e ‘Obxectivo Galicia’ as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo temáticas e creatividades relacionadas coa arte feita por mulleres  -sobre todo no eido da arte contemporánea-, a arte prehistórica, e a cultura galega en sesións que se desenvolverán entre o 5 de xullo e o 26 de agosto.

A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico reservas.museo@depo.gal. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia.

No mes de xullo a actividade comezará co obradoiro ‘O club dos pinceis’, impartido por  Leucoíña Pasea, no que as e os participantes experimentarán con diferentes formas de expresión plástica e coñecerán algunhas das mulleres artistas da colección propia do Museo. O número de participantes é de 15 e terá unha duración de catro sesións (repartidas en catro días) en horario de 11 horas a 13 horas. Desenvolverase do 5 ao 8 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 12 ao 15 de xullo para rapazada de 10 a 12 anos.

O segundo obradoiro será o de ‘Arte rupestre’ e estará impartido por Galipat . Pretende

achegarse ao mundo da arte rupestre, coñecendo diferentes manifestacións artísticas realizada sobre roca mediante debuxo, pintura ou gravado. O número de rapazas e rapaces participantes tamén será dun máximo de 15 e a duración, igualmente, de catro sesións en catro días diferentes en horario de 11.30h a 13 h. Para nenas e nenos de 6 a 9 anos impartirase do 19 ao 22 de xullo e para idades entre 10 e 12 anos do 26 ao 29 de xullo.

O terceiro obradoiro será o de ‘Pintura contemporánea’, que estará desenvolvido por Lúa Gándara. Trátase dunha actividade infantil baseada na arte contemporánea no que partindo da obra de Maruja Mallo, Maria Antonia Dans, Almudena Fernández e Tatiana Medal exploraranse diferentes conceptos plásticos e conceptuais. A cabida máxima é de 15 persoas e tamén se desenvolverá en catro sesións (catro días)  en horario de 11h a 13 h

Do 2 ao 5 de agosto será a quenda para a rapazada de 6 a 9 anos e do 9 ao 12 de agosto para nenas e nenos de 10 a 12 anos.

Finalmente, o último obradoiro do verán será ‘Obxectivo Galicia’, a cargo do propio departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Traballarase en relación coa exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson -que terá lugar do 4 de agosto ao 23 de outubro-, e a cativada coñecerá diferentes elementos da cultura galega como a vestimenta ou a artesanía. O número máximo de participantes é de quince nenas e nenos, que acudirán durante catro sesións (catro días) ao Museo en horario de 11h a 13 h. As quendas repártense tamén do 16 ao 19 de agosto para crianzas de 6 a 9 anos e do 23 ao 26 de agosto para rapazada de 10 a 12 anos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.