A Deputación pecha este sábado o programa “Mouras e meigas no castelo de Soutomaior” cunha actividade familiar sobre o magosto

Consistirá en realizar unha ruta polo bosque do castelo para recoller castañas e realizar un magosto tradicional. As prazas están xa todas cubertas

03/11/2023

Mouras e meigas

A Deputación de Pontevedra pecha este sábado 4 de novembro o programa “Mouras e meigas no castelo de Soutomaior” cunha actividade familiar sobre o magosto que ten xa todas as prazas cubertas. Consistirá en realizar unha ruta polo bosque do castelo para recoller castañas e pecharase coa realización dun magosto tradicional.

A actividade, na que está previsto que participen 30 persoas, comezará cunha camiñada polo espazo que rodea o castelo de Soutomaior para recoller castañas. Posteriormente, as familias elaborarán zonchos, os colares de castañas cocidas típicos desta época do ano, e tamén asarán e degustarán castañas ao tempo que vivirán as tradicións típicas do magosto galego. Se o tempo non acompaña, a ruta substituirase por un obradoiro no interior do recinto centrado tamén nas castañas.

Co magosto, a Deputación de Pontevedra pecha “Mouras e meigas no castelo de Soutomaior”, o programa co que espallou, ao longo do ano, actividades centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia a través dun programa dirixido ás familias con nenas e nenos maiores de tres anos. En total, déronse cita 360 persoas que se achegaron aos elementos tradicionais e populares da provincia e tamén aos xogos e oficios artesanais. Mitoloxía popular relacionada coa Coca, co Cobregón, co Lobishome, coa Galiña de Ouro, coa Santa Compaña, coa lavandeira, coas mouras, cos trasnos ou cos biosbardos foron algunhas das cuestións nas que se centraron os obradoiros realizados en Soutomaior. Tamén os procesos tradicionais coma o de elaboración do pan ou do queixo e tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima, o Samaín ou o magosto foron protagonistas da actividade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.