A Deputación aproba unha achega de máis de 14.000 € para que o Concello de Lalín adquira un garaxe para protexer o material deportivo de salto con pértega do estadio Manuel Anxo Cortizo

Estes recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas súmanse a outros 20.000 recentemente aprobados no marco deste mesmo programa provincial para dotar de novo material o estadio Manuel Anxo Cortizo, o Lalín Arena e o pavillón municipal

05/02/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de máis de 14.000 euros para que o Concello de Lalín adquira un garaxe para protexer o material deportivo de salto con pértega para situar na pista de atletismo do estadio Manuel Anxo Cortizo. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

O novo garaxe para o estadio Manuel Anxo Cortizo terá un sistema adaptado á contorna de tal xeito que permita de forma segura e sinxela tapar e destapar o colchón de salto con pértega para a súa práctica. A cuberta será de chapa tipo trapecio e contará cun sistema de corredora para o seu desprazamento, así como con rodas xiratorias de lamia ancha para outorgar facilidade e liberdade no posicionamento do garaxe e non danar o tartán.  Ademais do garaxe, con estes recursos provinciais que se acaban de aprobar, o Concello de Lalín tamén mercará un somier de colchoneta de salto.

Lalín está a recibir este ano máis de 202.500 € no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cos que vai impulsar un total de nove actuacións. Ata a data aprobáronse xa máis de 34.000 euros, para a adquisición deste garaxe e para material deportivo para o estadio Manuel Anxo Cortizo, o Lalín Arena e o pavillón municipal. Ademais, cos recursos provinciais deste plan está previsto que Lalín adquira material deportivo para o estadio San Lorenzo Vilatuxe, instale pavimento vinílico na pista do pavillón municipal, repoña o muro de peche no lateral do campo de fútbol de Lalín, dote de cuberta unha zona de xogos, rotule varias zonas no pavillón municipal e adquira máis materiais para o estadio Manuel Anxo Cortizo. Ao remate da terceira convocatoria, Lalín terá recibido máis de medio millón de euros da Deputación no marco deste plan.