A Deputación aproba recursos por valor de máis de 57.000 euros para que o Concello de Lalín instale unha cuberta na zona de xogos do Regueiriño e acometa o peche lateral do campo de fútbol
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Lalín máis de 202.500 euros para a mellora das súas dotacións deportivas
29/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de máis de 57.000 euros para que o Concello de Lalín instale unha cuberta na zona de xogos do Regueiriño e acometa o peche lateral do campo de fútbol. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Por unha banda, o Concello de Lalín recibe preto de 26.300 euros para a reposición do muro de peche no lateral do campo de fútbol de Lalín. Ao detalle, actuarase sobre o muro de peche da zona sur e na zona de práctica de lanzamento de disco. Deste xeito, executarase un novo muro para evitar riscos de caída e pechar as propias instalacións deportivas, e tamén un peche de protección para evitar a saída de balóns. No que respecta á zona de práctica de lanzamento de disco aumentarase o peche para evitar a saída cara as fincas da contorna.
Ademais, a Deputación destina outros 31.000 euros ao Concello de Lalín para instalar unha cuberta na zona de xogos do Regueiriño. Trátase dunha cuberta con elementos móbiles, que irá ancorada ao chan e permitirá a práctica do deporte de petanca e outros similares en épocas de choiva ou tempo atmosférico adverso.
Lalín está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) máis de 202.500 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello vai impulsar, ademais destas actuacións, a instalación de pavimento e rotulación do pavillón municipal, a adquisición dun garaxe para salto con pértega e de materiais para o estadio Manuel Anxo Cortizo, para o CDM Lalín Arena, o estadio San Lorenzo de Vilatuxe e o pavillón municipal.