1,7 millóns de euros para outros dez municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos

Outras 182 persoas serán contratadas coa liña 3 do plan da Deputación en Sanxenxo, Meaño, Cambados, Pontecesures, Cuntis, Portas, Cerdedo-Cotobade, Poio e Tui

26/02/2022

Declaración institucional 8M

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra continúa a achegar recursos á provincia con novas subvencións aprobadas en Xunta de Goberno. Na súa última sesión, o órgano provincial deu luz verde a 1,7 millóns de euros que irán a parar a outros dez concellos. Deles 203.000 euros corresponden á liña 1 e servirán para que Arbo financie actuacións de mellora nun dos seus viarios. Ademais, foron aprobados 1,5 millóns da liña 3 de emprego que favorecerán a contratación de 182 persoas en Sanxenxo, Meaño, Cambados, Pontecesures, Cuntis, Portas, Cerdedo-Cotobade, Poio e Tui para que estes concellos “poidan contratar a persoal para facer fronte aos servizos que son competencias municipais”, apuntou a presidenta, Carmela Silva.

Máis polo miúdo, a través dunha achega de 203.000 euros da liña 1 de Investimentos Arbo financiará a totalidade do ensanche e mellora do viario da Igrexa de Santa María de Arbo á Capela de San Pedro, “unha grande obra que vai a humanizar todo este entorno”. As actuacións, que teñen un prazo de execución de tres meses, tamén comprenden a mellora da drenaxe así como a renovación da rede de alumeado do viario.

Pola súa banda, a liña 3 de emprego chegará á comarca do Salnés con 258.270 euros para que Sanxenxo contrate a 42 persoas, 115.820 euros para que Meaño faga o mesmo con outras 14 persoas e 192.810 euros cos que Cambados contratará a 21 persoas. Para a comarca de Caldas foron aprobados 82.540 euros para que Pontecesures contrate e 11 traballadoras/es e 123.524 euros para que Cuntis o faga con outras/os 13. Os recursos provinciais tamén chegarán á comarca de Pontevedra con 86.480 euros cos que Portas contratará a 12 persoas, 233.400 euros para favorecer a contratación de 32 persoas en Poio e 164.393 euros cos que Cerdedo-Cotobade contratará a 20 persoas. E para a comarca do Baixo Miño foron aprobados 224.984 euros que servirán para contratar a 17 persoas traballadoras en Tui.