Luis López subliña o investimento de máis de medio millón de euros para transformar a praza de Santa María de Liñares, nas Neves

O presidente da Deputación de Pontevedra asinou este mércores un convenio de colaboración, enmarcado no programa PON2030, co alcalde, José Manuel Alfonso

15/11/2023

Luis López e José Manuel Alfonso

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores, no seu despacho do Pazo provincial, o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 475.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para o acondicionamento integral da praza de Santa María de Liñares. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante, 53.000 euros. Este proxecto representa un novo exemplo do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación, que neste caso transformará un dos centros neurálxicos da vida social das Neves.

A obra, valorada nun total de 530.000 euros, supón a transformación integral da praza: uniformaranse os espazos, priorizarase a mobilidade peonil e limitarase o tránsito de vehículos. A actuación centrarase principalmente en tres ámbitos: a contorna da igrexa e da fonte e a parada de autobús. Arredor do templo crearase unha alameda con pavimento de xabre, plantaranse novas árbores, estableceranse novos espazos de convivencia con elementos de mobiliario urbano e mellorarase o acceso aos principais edificios: a igrexa e o centro cultural. Na fonte construirase un banco arredor do cal circulará a auga do manancial, plantaranse novas árbores e substituirase o pavimento actual por un de xabre. Na zona da parada do autobús instalarase unha nova marquesiña e modificarase a vía para facilitar o xiro do autocar.

En resumo, trátase dunha intervención integral e transformadora que dotará a veciñanza das Neves dun espazo actualizado con plataforma única na que viandantes e ciclistas serán os protagonistas, no que o asfalto lles cederá o seu espazo ás zonas verdes e arboradas cunha iluminación axeitada e nas que haberá máis áreas de estancia para fomentar as relacións entre veciñas e veciños.

Segundo se recolle no convenio, as obras deberán rematar antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a  Deputación e Concello das Neves realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves que fala de municipalismo, de autonomía ás alcaldesas e alcaldes para que escollan que proxectos desenvolver e da colaboración entre institucións para a transformación dos concellos e da provincia para que sexan máis respectuosos coas e cos peóns e co medio.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.