A Deputación ultima o prazo para solicitar as axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia
A convocatoria está dotada de 90.000 euros e busca que colectivos sen fins de lucro emprendan actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións, ademais da compra de equipamento
02/04/2026
A Deputación de Pontevedra pecha este luns 6 de abril o prazo para poder solicitar as axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. A institución provincial mobiliza 90.000 euros nesta convocatoria, cuxas bases se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia, para que colectivos sen fins de lucro poidan emprender actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións, ademais da compra de equipamento, para o seu uso en actividades de promoción sociocultural.
As axudas contan con tres liñas de actuación. A primeira financiará traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, na que os gastos comprenderán desde o tratamento da embarcación ata a recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade ou carenado e pintado. A segunda liña está destinada a aparellos de pesca e elementos vinculados coa cultura marítimo-fluvial, na que se inclúen as distintas artes de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.
A terceira das liñas está enfocada a construcións e instalacións en terra, como almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras, ou mostras da arquitectura industrial e popular marítimo-fluvial na provincia, para ser reconvertidas en espazos culturais. Nos tres casos concederanse como máximo 10.000 euros para cada actuación, sempre que non se supere o 80% do seu orzamento.
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes recursos, que na anterior convocatoria chegaron a 12 colectivos (dun total de 21 solicitudes presentadas), consciente da riqueza e singularidade do patrimonio marítimo-fluvial galego e da necesidade de preservalo e difundilo.