Preto de 200 persoas da provincia participan esta semana no programa de termalismo da Deputación

Este domingo máis de 150 persoas comezan o programa na modalidade de pernoctación, mentres que o luns máis de 30 inician as saídas diúrnas

05/11/2023

Un total de 183 persoas maiores de 50 anos de dezanove concellos da provincia gozarán entre este domingo día 5 e o venres 10 de novembro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Novo Astur de Vilalonga, no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo e no Balneario de Mondariz; este último é o escollido para a estadía diúrna. Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoctación de tres grupos. A primeira destas expedicións, que conta con 51 persoas inscritas dos concellos Fornelos de Montes, Moraña, Valga e Vigo, partirá rumbo ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Hotel Novo Astur de Vilalonga, está composto por 56 persoas da Estrada, Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Pontevedra, O Rosal, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. Por último, 44 persoas dos concellos de Baiona, Cangas, Moaña, Poio, Redondela e Vigo gozarán dunha estadía no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo.

No que atinxe ás saídas diúrnas, 32 persoas poderán gozar dos tratamentos termais do Balneario de Mondariz desde o luns 6 de novembro ata o venres 10. Todas elas proveñen dos concellos de Fornelos de Montes, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles ás veciñas e veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, xa que impulsa a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoctación, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, benefícianse 2.447 persoas, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783, a asistencia con aloxamento.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.