A Gala Provincial de Turismo da Deputación chega este xoves ao auditorio Mar de Vigo

Tanxugueiras e  Pablo Méndez Performance actuarán no evento, conducido por Jazmín Abuín, no que a Ruta do Viño será nomeada nova “Embaixadora Rías Baixas”

16/03/2022

Gala Love Rías Baixas

Todo está listo para a gran noite do turismo galego. A Gala Provincial de Turismo da Deputación encherá este próximo xoves de cor, son e imaxe o Auditorio Mar de Vigo cun grande espectáculo audiovisual cheo de sorpresas que, ao máis puro estilo cinematográfico con photocall, alfombra vermella e un enorme escenario cunha pantalla curva de 17 metros de longo, mostrará todas as potencialidades do destino Pontevedra Provincia. “Vai ser impresionante, temos preparada a mellor Gala dos últimos anos”, sinalou a presidenta Carmela Silva.

Máis de 350 persoas reuniranse nun evento conducido pola actriz Jazmín Abuín que, baixo o fío condutor da campaña “Love Rías Baixas”, contará coa forza da música de Tanxugueiras e o sorprendente show de iluminación e son en altura de Pablo Méndez Performance. Na Gala, a que asistirán alcaldes e alcaldesas da provincia, representantes do sector turístico e numerosas representacións de asociacións e colectivos da cultura, da política e da sociedade, nomearase á Ruta do Viño como nova “Embaixadora Rías Baixas”, e entregaranse os distintivos de calidade aos 163 novos establecementos de 27 concellos da provincia que obtiveron o SICTED, selo no que somos líderes de todo o estado con máis de 300 entidades adheridas. O evento, televisado por Televigo, tamén será retransmitido por streaming a través de www.depo.gal e das redes sociais da Deputación.

Midas, Figa e Terra. Os tres temas que revolucionaron ao público da man de Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, xunto a Iago Pico e Isaac Palacín, integrantes de “Tanxugueiras”, soarán en directo na Gala Provincial de Turismo. Coa súa forza arrancará o evento no que “Love Rías Baixas”, a campaña de promoción turística para este 2022, terá especial protagonismo a través das persoas que aparecen no audiovisual: Mari Hashimoto (de Osaka, Xapón), Kate Singer (de Chicago, EUA), Perret e Diego Ríos (de Santiago, Chile), Keven Weatherill (de Rocher, Inglaterra), Virgina Gil (de Aranda de Duero, España), Daniela Savic (Eslovenia), Violeta Mi Tan (Shanghai, China) e Saliou Ndongo (Senegal). Elas e eles serán as encargadas/os de achegar ao Auditorio a súa visión sobre os recursos de Pontevedra provincia que a converten nun destino top no estado e nun lugar único co Camiño e a camelia, a natureza e patrimonio, a gastronomía, a cultura ou os festivais de música, o deporte e as actividades de turismo activo, as paisaxes, o mar, o mundo rural, a nosa xente e a enerxía positiva que desprende este territorio.

Durante o evento a Deputación tamén nomeará á nova  “Embaixadora Rías Baixas 2022”, que será a Ruta do Viño Rías Baixas, declarada “mellor ruta do viño de España” en Fitur 2022, que se sumará así a este “club” de entidades e persoas que cada ano distingue a institución por levar o nome da provincia por todo o mundo.  O pasado ano 2021 recibiron este nomeamento as e os chefs da provincia con estrela Michelin e neste 2022 o presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil, colleralles o testemuño.

O broche de ouro da Gala Provincial do Turismo da Deputación virá da man de Tanxugueiras que  pecharán o evento con “Terra”, a canción favorita do público no Benidorm Fest que servirá de colofón final para reivindicar, ao igual que fai o vídeo promocional “Love Rías Baixas”, que a provincia de Pontevedra “é unha terra sen fronteiras”.

Galerias de imagenes

videos