Marta Fernández-Tapias reafirma o seu compromiso con Vigo e a súa área no primeiro encontro de traballo na sede da Deputación na cidade como vicepresidenta provincial

Anuncia alegacións sobre a decisión do Concello de Vigo de extinguir parcialmente a concesión do edificio da rúa Chao

10/07/2023

“Marta Fernández-Tapias reafirma o seu compromiso con Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, mantivo un encontro de traballo na sede de Vigo cos deputados da zona Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, e Sandra Bastos, concelleira en Redondela. A dirixente reafirmou o seu compromiso por traballar por Vigo e a súa área desde a sede da cidade como vicepresidenta provincial e anunciou que “imos presentar alegacións ao expediente do Concello de Vigo para a extinción parcial da concesión do edificio da rúa Chao. Temos ao persoal xurídico traballando porque non se pode limitar a actividade da Deputación nesta cidade e área a un despacho”.

“Queremos –remarcou Fernández-Tapias- traballar por Vigo e pola súa zona de influencia como prometemos e como nos comprometemos dende o principio. É o noso obxectivo que a Deputación teña presencia en Vigo e centrar a nosa actividade na cidade, por iso o meu primeiro acto dende o nomeamento oficial como vicepresidenta tiña que ser aquí, nesa sede, para coñecer ao persoal e ver as dependencias”. Deste xeito informou que a sede da Deputación en Vigo alberga, a día de hoxe, oficinas de rexistro, do ORAL, de SmartPeme e áreas expositivas, e anunciou que “imos darlle moito máis movemento, dotala de moitos máis servizos que os que ata o de agora se prestaban á cidadanía. Isto é o que nós queremos facer porque Vigo e a súa área de influencia contan cunha poboación moi importante que precisa ter unha sede cerca”. Neste eido recordou que foi no 2008 e cun goberno do Partido Popular na Deputación cando se decidiu instaurar en Vigo unha sede da institución provincial.

“Marta Fernández-Tapias reafirma o seu compromiso con Vigo

Alegacións ao expediente do concello de Vigo

A vicepresidenta da Deputación aproveitou a ocasión para anunciar a presentación de alegacións ao expediente do Concello de Vigo para a extinción parcial da concesión do edificio da rúa Chao. “Sorpréndenos –asegurou- que esta decisión, persoal e política, se teña tomado antes da toma de posesión. É unha actitude inexplicable e co único obxectivo de confrontar e non facer as cousas como deberían facerse, con respecto e lealdade institucional”. Neste aspecto, Marta Fernández-Tapias remarcou que “non se poden tratar as institucións de forma partidista, como se está a facer” e instou á colaboración entre institucións e a evitar confrontacións que “non son boas para Vigo, para a cidade e para a nosa área”.