A Deputación prorroga o convenio para prestar o servizo de padrón municipal nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

O investimento da institución provincial para o servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de padrón municipal de habitantes para os concellos ascenderá a 350.000 € e permanecerá vixente ata o 21 de febreiro de 2026

16/12/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a prórroga do convenio marco de colaboración cos concellos da provincia con poboación inferior a 50.000 habitantes para a execución do servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de padrón municipal de habitantes. O investimento global da institución provincial para este servizo ascenderá aos 350.000 € e permanecerá vixente ata o 21 de febreiro de 2026.

Na actualidade benefícianse deste servizo 37 concellos da provincia, que teñen á súa disposición a implantación, uso e soporte dunha solución de padrón municipal de habitantes facilitada pola Deputación de Pontevedra. Unha solución que, ademais, lles está a supoñer novas funcionalidades e procesos automatizados, así como a integración coas súas respectivas plataformas de administración electrónica, o que facilita e axiliza a realización de trámites municipais para a cidadanía, reduce os tempos de espera e optimiza o gasto e os recursos existentes.

Mediante este servizo, o Goberno de Luis López avanza no seu obxectivo de impulsar a cooperación interadministativa cos concellos da provincia para a prestación, neste caso, dun servizo fundamental tanto para a cidadanía como para os concellos. A cidadanía ten a obriga de inscribirse no padrón do municipio no que habitualmente reside e os concellos deben xestionar esta ferramenta a través de medios informáticos.