Luis López avanza un reforzo do Consorcio Provincial de Pontevedra contra incendios con 21 prazas
Con estas prazas, tal e como informou o presidente, o cadro de persoal da entidade ascende a 93 persoas
05/09/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra avanzou este venres a aprobación dunha nova oferta de emprego do Consorcio Provincial para a Prestación do servizo contra Incendios e Salvamento, xestionado a partes iguais polo goberno provincial e a Xunta de Galicia, que alcanza 21 prazas. Tras recoñecer de novo “o seu labor nos incendios forestais deste verán” e a súa resposta ante “a chamada de solidariedade da provincia de Ourense”, López remarcou os pasos “reais” impulsados polo actual goberno provincial “para solucionar as deficiencias de recursos humanos que non veñen de agora, senón de hai moito tempo”.
Trátanse en total, tal e como detallou o presidente, de 19 prazas de persoal laboral e 2 de persoal funcionario e que elevarán o cadro de persoal ata as 93 persoas. Estas novas prazas distribúense en 17 para bombeiros condutores da categoría C2, 2 xefes de parque da categoría C1, 1 administrativo (funcionario) e 1 técnico de relacións laborais (funcionario).
“Este goberno está dando pasos reais, avanzando a través dun marco de diálogo honesto, leal e sereno”, que xa permitiu acordar o primeiro convenio colectivo do organismo a unha nova Relación de Postos de Traballo, que serviron para desconvocar en febreiro a folga. Así, López recordou que “herdamos un Consorcio sen convenio colectivo e hoxe témolo aprobado e herdamos un Consorcio sen Relación de Postos de Traballo actualizada e agora está aprobada e temos creado 21 prazas”. Neste eido, o presidente remarcou a importancia destes avances que “servirán para ter un servizo mellor dotado e máis preparado para atender calquera eventualidade”.
