A Deputación mobiliza máis de 600.000 euros na reparación dos danos causados polos temporais nas infraestruturas viarias provinciais

O Goberno provincial aproba actuacións en sete vías provinciais afectadas nos concellos da Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa

27/11/2023

O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de mobilizar un investimento superior aos 600.000 euros para realizar obras de urxencia con vistas a reparar os danos que causaron os temporais deste outono nas infraestruturas viarias propiedade da institución provincial. En total, a Deputación está a destinar 620.000 euros para realizar obras en sete estradas situadas nos concellos da Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa.

No caso da Cañiza, as obras realízanse na EP-5002 A Cañiza-Mourentán para reparar un muro de contención á altura do p. q. 6+000 da vía, onde foi preciso restrinxir a circulación rodada. Os danos ocasionados polo temporal, debido ás choivas torrenciais que causaron arrastres, están a provocar un grave risco de colapso da estrutura e o derrubamento da calzada. Os traballos contan cun orzamento de 50.000 euros.

En Moaña, as obras de urxencia teñen por obxecto reparar o derrubamento dun terraplén na marxe esquerda da EP-1104 Moaña-Coiro, concretamente no p. q. 0+330, xa que a situación actual fai imposible garantir a estabilidade do noiro. Coa actuación, cun orzamento de 60.000 €, evítanse riscos maiores antes de que se vexan afectados a calzada e mais o tráfico rodado.

No caso de Mondariz, a Deputación actuou na EP-4306 Ponte Val-Barciademera onde, por mor dos temporais, se detectou un muro caído á altura do p. q. 4+350, nunha zona de vexetación frondosa. O firme do carril dereito atopábase fundido polo asentamento do terraplén e o desprazamento das pedras que formaban o muro, cuxa parte en pé carece de cimentación. Na actuación, xa rematada, investíronse 40.000 euros para facerlle fronte á situación antes de que se produza un colapso da totalidade do muro.

En Nigrán estase a reparar o muro de contención situado na praia da Madorra (Panxón) e que se corresponde cun treito da EP-2104 Panxón-Patos. Os traballos, cun orzamento de 150.000 euros, comprenden tanto a reparación do muro (cuxa cementación quedou no aire) coma da calzada (que se afundiu, producindo unha fenda lonxitudinal) ante o grave risco dun probable colapso, e mais o paseo peonil marítimo.

En Pontevedra son dúas as estradas provinciais afectadas. Por unha banda, a EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira, na que ten previsto reparar o derrubamento do noiro na marxe esquerda do p. q. 6+000, cun orzamento de 120.000 euros. Ademais, tamén se actuou na EP-0001 Bértola-Canicouva-Ponte Sampaio para reparar o derrubamento do noiro na marxe dereita do p. q. 3+380, en grave perigo polo desbordamento da auga e arrastres na calzada. Esta última actuación, xa rematada, tamén contou cun orzamento de 120.000 euros.

Por último, en Vilanova de Arousa estase a elaborar a proposta de actuación na EP-9702 As Sinas-Vilanova, onde as inclemencias meteorolóxicas produciron danos á altura do p. q. 0+750. A falta de concretar o informe, estímase que estas obras teñan un investimento de 80.000 euros.

Ademais destas obras puntuais de emerxencia na Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa, tamén se desenvolveron outras actuacións nas vías provinciais como retiradas de árbores, limpeza de cunetas e caños por atascos, así como retirada de restos de materiais das estradas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.