A Deputación presenta á veciñanza o anteproxecto para transformar a estrada dos valos, en Pazos de Borbén, na que se vai investir preto dun millón de €

O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou as características da actuación de ensanche e mellora da seguridade viaria da EP-2702 que dará resposta ás demandas da cidadanía

03/04/2023

REUNIÓN VECIÑANZA PAZOS

O Centro Cultural de Nespereira de Pazos de Borbén foi escenario da presentación do anteproxecto da ansiada transformación que a Deputación vai realizar na EP 2702 Amoedo-Os Valos, que o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou á veciñanza da contorna que vén reclamando esta mellora. A actuación, que ten un orzamento de case un millón de euros, busca transformar por completo este viario, que soporta un intenso tráfico e precisa entre outras cuestións a corrección dalgúns puntos do trazado. No encontro, o deputado detallou á veciñanza asistente as características da obra, axudado por infografías, e amosou a intención da Deputación de axilizar o máximo posible a tramitación desta obra.  

As obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2702 Amoedo-Os Valos abranguerán o treito entre os puntos quilométricos 6+550 e 7+980 e suporán o cambio substancial desta estrada na que, ademais da reparación do asfalto, corrixirase o trazado e adaptarase aos criterios do século XXI. Entre as actuacións inclúense a ampliación da plataforma para a dotación de beiravías, a corrección das curvas con menor visibilidade, e todas aquelas encamiñadas a cumprir as directrices que a Deputación está a aplicar en toda a rede provincial de estradas.