Luis López reafirma o compromiso da Deputación co emprendemento dándolle a benvida a seis novos proxectos no viveiro de Barro

O presidente provincial asinou este mércores o contrato coas e cos beneficiarios para a cesión destes espazos co obxectivo de facilitar a posta en marcha dos seus negocios

22/11/2023

Sinatura de contrato

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este mércores o contrato de cesión de seis espazos do viveiro de empresas que a Deputación de Pontevedra ten no polígono de Barro a outras e outros tantos emprendedores que iniciarán a súa actividade empresarial neste espazo. Trátase de seis novos proxectos empresariais que gozarán durante un ano, con posibilidade de ampliar a súa estancia dous máis, dos servizos e vantaxes que a Deputación pon a disposición dos cesionarios neste espazo para facilitarlles a posta en marcha do seu negocio. “Teño que dicirvos tres palabras: parabéns, por serdes merecedores dun local; ánimo, para sacar adiante o voso proxecto; e grazas, por decidir investir na nosa provincia. Sodes valentes e comprometidos; con emprendedores coma vós a nosa provincia vai a máis”, díxolles o mandatario provincial para darlles a benvida aos novos ocupantes do viveiro.

Inician a súa actividade neste espazo da Deputación de Pontevedra seis proxectos empresariais variados. Jose Alfonso González poñerá en marcha Tecnobelts, unha empresa do sector do transporte e a enxeñaría de procesos; Fidel Abalo lanza Splainn Travel, unha axencia de viaxes en liña; o mesmo negocio que ten Nuria Búa entre mans; Carmencitas, de Rubén Mascato é unha empresa de repostería e eventos; mentres que Xesús Graña ten un proxecto de produción e transformación de produtos apícolas e micolóxicos; e Jacobo López, que non puido asistir ao acto, emprende cun comercio dedicado á venda por xunto de carne.

Nestas instalacións, as e os cesionarios gozarán do acompañamento de profesionais que lles serán de grande axuda para resolver os desafíos que deben afrontar as empresas na súa primeira etapa. Neste sentido recibirán asesoramento e terán a posibilidade de beneficiarse dos cursos de formación que oferta a Deputación a través do programa Smart Peme, servizo situado no mesmo polígono. Ademais, terán á súa disposición un espazo para desenvolver a súa actividade cun alugueiro reducido durante o primeiro ano (153 euros ao mes), bonificación que se reduce ao 25 % no segundo ano e que desaparece no terceiro. Ademais, o viveiro conta con zonas de coworking e con servizos de mantemento, limpeza, seguridade e obras a disposición dos usuarios.

O presidente Luis López destacou o compromiso da Deputación no apoio e acompañamento ao tecido emprendedor da provincia. “Apoiar os emprendedores da nosa provincia é investir en futuro”, asegurou o dirixente. Neste sentido, o orzamento dedicado aos viveiros de empresas ascenderá no 2024 ata os 330.000 euros. Ademais, os empresarios da provincia teñen á súa disposición actividades de formación e asesoramento incluídos no programa Smart Peme, coma os recentemente aprobados dentro do programa de Crecemento Empresarial, para darlles cabida a oito novos proxectos no polígono Lalín 2000, ou a sexta edición da aceleradora de empresas do sector turístico. “Medidas concretas que se completan con apostas transversais incluídas no Orzamento que deixan clara a aposta do Goberno provincial para estar a carón dos emprendedores, das empresas e dos concellos”, afirmou Luis López.

Na actualidade, o viveiro de empresas do polígono de Barro conta con 16 naves e 19 oficinas ocupadas, que acollen un total de 24 proxectos de recente creación. Polo momento, aínda hai cinco espazos sen ocupar. Ao longo dos seus dez anos de actividade, do viveiro de empresas de Barro saíron un total de 77 proxectos empresariais.

Galerias de imagenes