A Deputación destina 6.000 euros para que a Asociación Codeseda Viva recupere e promocione o Camiño Taverneiro
A achega permitirá avanzar na posta en valor desta ruta xacobea entre Salvaterra do Miño e Santiago, impulsando a súa sinalización, promoción e a dinamización do rural
04/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o convenio de colaboración coa Asociación Codeseda Viva para o desenvolvemento do proxecto de recuperación e promoción do Camiño Taverneiro, dotado cunha achega de 6.000 euros. A subvención permitirá financiar o conxunto de actuacións previstas ao longo do ano para consolidar esta ruta de peregrinación, que a Deputación xa presentou en Fitur 2024 para mostrar o seu apoio ao traballo de investigación levado a cabo por Luis Ferro e Carlos da Barreira na súa recuperación.
O proxecto da Asociación Codeseda Viva, constituída no 2011, centrase na recuperación e promoción da Ruta de Ignacio Taverneiro, un itinerario de aproximadamente 130 quilómetros que conecta Salvaterra do Miño con Santiago de Compostela, atravesando varios concellos da provincia. Deles, os últimos 40 quilómetros coinciden co Camiño da Geira e dos Arrieiros, polo que xa están en uso como ruta de peregrinación. E os 90 quilómetros iniciais, que descorren integramente pola provincia de Pontevedra, entre Salvaterra de Miño e Codeseda, corresponden a tramos aínda en desenvolvemento, sobre os que se focalizarán as actuacións previstas para 2026.
Entre as accións que levará a cabo a Asociación inclúense a revisión e mellora do trazado sobre o terreo, tarefas de sinalización e mantemento, a recuperación de camiños tradicionais, así como o reforzo da rede de colaboración coa veciñanza e axentes locais. Ademais, prevese a realización de actividades de apoio ás persoas peregrinas, co obxectivo de mellorar a súa experiencia e contribuír á difusión da ruta.
O convenio tamén contempla o desenvolvemento de accións de promoción tanto online como offline, mediante a xestión de páxinas web e redes sociais, a edición de materiais divulgativos e a participación en eventos vinculados ao turismo e á cultura xacobea. Así mesmo, financiaranse gastos asociados á investigación, desprazamentos e adquisición de material técnico necesario para o desenvolvemento do proxecto.
Nos últimos anos, a Ruta de Ignacio Taverneiro experimentou un notable incremento de peregrinos, pasando de pouco máis de cen persoas en 2023 a preto de 400 en 2025. Esta tendencia á alza evidencia o interese crecente por itinerarios alternativos do Camiño de Santiago e reforza a necesidade de continuar traballando na súa consolidación.