A Deputación destina 140.000 € para que o Concello da Guarda mellore infraestruturas públicas municipais

Cos recursos da institución provincial o Goberno local poderá reconstruír muros, pechar parcelas, reparar camiños e fontes, limpar colectores e arranxar os danos da cuberta da Casa dos Alonso

15/12/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 140.000 € para que o Concello da Guarda mellore infraestruturas públicas municipais. Con estes recursos da institución provincial o Goberno local poderá reconstruír muros, pechar parcelas, reparar camiños e fontes, limpar colectores e arranxar os danos da cuberta da Casa dos Alonso, a casa do concello. Trátanse, en palabras do presidente da Deputación, Luis López, de actuacións que contribuirán “a prestar un mellor servizo público, a optimizar as infraestruturas municipais e a impulsar, en definitiva, unha mellor calidade de vida da xente da Guarda”.

Ao detalle, as achegas que acaba de aprobar a institución provincial permitirán reconstruír muros de contención e pechar parcelas en diferentes puntos do municipio nos que o Goberno local investirá máis de 85.000 €. Ademais, repararse con 21.000 € o camiño de Brandián e con máis de 16.000 € executarse a limpeza do colector xeral da rede de saneamento do tramo Area Grande-A Ribeira.

Tamén está previsto no marco desta subvención provincial reparar os danos da cuberta da Casa dos Alonso, cun investimento de 11.000 €; reparar o colector xeral da EDAR nun tramo do camiño das Tomadas, con preto de 5.000 €, e a fonte da Piollosa ou Silveira, á que se destinará preto de 2.000 €.