Luis López destaca o investimento de case un millón de euros para a transformación da zona do Salgueiral, no centro de Redondela

O presidente da Deputación de Pontevedra protagonizou este martes a súa primeira visita institucional ao concello para asinar un convenio de colaboración, enmarcado no programa PON2030, coa alcaldesa Digna Rivas

14/11/2023

Luis López, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 740.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para a reurbanización da zona do Salgueiral, no centro da localidade de Redondela. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % restante (245.000 euros). “Hoxe asinamos algo máis que un convenio, rubricamos un compromiso de cooperación leal entre o Concello e a Deputación en beneficio da veciñanza, activamos un proxecto que mellora a calidade urbana do centro de Redondela e constatamos que imos da man para executar proxectos importantes para a veciñanza de Redondela”, declarou o mandatario provincial durante a súa primeira visita institucional ao concello redondelán.

A obra, valorada nun total de 982.000 euros, servirá para a reurbanización integral da rúa das Cardosas, da rúa Salgueiral e da súa continuación pola avenida Ernestina Otero, no centro de Redondela. A intervención consistirá na reorganización das beirarrúas para crear un itinerario peonil continuo, seguro e accesible. Ao mesmo tempo, incorporaranse elementos de calmado de tráfico, crearase unha plataforma única na contorna da zona verde que conecta co parque, repararanse todos os pavimentos e substituirase a capa de rodaxe das calzadas. Completarase a actuación coa plantación de novas árbores e plantas ornamentais e coa renovación da iluminación de todo o ámbito con tecnoloxía LED. “Temos unha obra que é un paso adiante na transformación de Redondela, un claro exemplo do que entendemos que é a Deputación, que ten que estar á disposición dos concellos”, declarou o mandatario provincial.  

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Redondela realízase coa modificación das bases do programa PON2030, xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Esta foi a primeira visita institucional de Luis López a Redondela como presidente da Deputación. “Claro que non é a primeira vez que estou en Redondela, unha vila marabillosa. Pero si que debuto aquí como presidente da Deputación, e síntome ademais moi orgulloso de poder activar un proxecto que suporá un paso adiante para o centro de Redondela”, destacou López.

Neste sentido, insiste o dirixente en que a sinatura deste acordo “é un exemplo de que somos municipalistas convencidos e que cremos na autonomía dos alcaldes e alcaldesas para que poidan escoller os proxectos e investimentos”. Unha proba deste compromiso, sinalou o presidente, é a filosofía dos recentemente aprobados Orzamentos provinciais, que “reservan un de cada tres euros para apoiar directamente os concellos”, concluíu o presidente da Deputación, que agarda que esta sexa “a primeira de moitas visitas” a Redondela.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.