López asina o traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia

O presidente da Deputación e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, formalizan en Poio a entrega do centro dependente da institución provincial á administración autonómica

30/08/2023

Traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, acaban de asinar a acta de entrega á Comunidade Autónoma dos bens, dereitos e recursos persoais e materiais da Escola de Cantería de Poio. “A primeira pedra dun novo camiño de éxito ponse hoxe aquí –asegurou o presidente provincial-. Con este traspaso á Xunta de Galicia atendemos unha reivindicación histórica do centro que non podíamos cumprir desde a Deputación: outorgar un título oficial á altura do nivel dos seus alumnos”. Deste xeito, a partir de agora a Escola de Cantería pasará a ser un Centro Integrado de Formación Profesional que será, en palabras de Luis López, “unha oportunidade de ouro para que se converta, aínda máis, nun referente en Galicia, España e tamén no estranxeiro”.

No acto, no que se deron cita o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; e, entre outras autoridades, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez, o presidente recordou os 44 anos de historia da Escola de Cantería e os traballos que os seus máis de 1.500 alumnos desenvolveron, deixando pegada en Galicia pero tamén en países americanos e Europeos e en lugares tan emblemáticos como a Sagrada Familia de Barcelona, a abadía de Westminster de Londres ou o Capitolio de Washington. Tamén remarcou López na súa intervención todo o que gaña a Escola de Cantería e a provincia co traspaso á Xunta de Galicia: “reforzarase a oferta educativa para os alumnos con títulos oficiais; darase resposta ás demandas de persoal de sectores tan importantes para a provincia como o da construción, restauración ou rehabilitación; e tamén atraerá ao mellor talento ata Poio”.

O proceso de traspaso da Escola de Cantería á Xunta de Galicia comezou en xullo de 2022 coa sinatura do “Protocolo para a transmisión da titularidade da Finca de Lourizán e da Escola de Cantería á Comunidade Autónoma de Galicia”. En outubro dese ano comezaron as reunións da Comisión Mixta de seguimento do protocolo e no pleno ordinario da Deputación de abril do 2023 acordouse por unanimidade o traspaso. A partir de agora pasará a estar adscrita á Consellería de Cultura e Educación, transformándoa nun centro público docente dependente da Xunta no que se impartirá formación para a consecución dun título oficial.

A Escola de Cantería

A Escola de Cantería comezou a funcionar o 15 de xaneiro de 1979 nas instalacións do mosteiro de Poio con 29 prazas. Tres anos despois, en 1982, pasou a depender da Deputación de Pontevedra. No ano 1996 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Poio cedeu a favor da Deputación unha extensión de terreo de 26.000 metros cadrados para a instalación da Escola de Cantería no lugar de Illa do Santo-Boa Vista e, tras aprobar o proxecto e adxudicar a obra para a construción do edificio en 1997, entrou en funcionamento no 2000.

 

A Escola de Cantería naceu co obxectivo de conservar e promover un dos oficios máis antigos de Galicia, o de cantería. Dende o seu inicio o centro formou a máis de 1.500 artesáns de pedra procedentes de Galicia, pero tamén doutras autonomías españolas e do estranxeiro. Moitos deles deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia, con numerosas esculturas en diferentes espazos do territorio, pero tamén chegaron pezas da Escola de Cantería a Brasil, Venezuela, Filipinas, Bolivia, Estados Unidos, Nicaragua, México, Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal. Ademais, os seus alumnos traballaron en proxectos tan emblemáticos como a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou na Catedral de Santiago, a Abadía de Westminster en Londres e a Sagrada Familia de Barcelona.

Galerias de imagenes

videos