O programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega a Vilagarcía de Arousa cunha peza de Montse Piñeiro e Cristina Bolívar

A videoinstalación Nosa señora dos coidados terá lugar este martes 5 de setembro, ás 20:30 horas, na praza da Peixería

04/09/2023

Nosa señora dos coidados, de Montse Piñeiro e Cristina Bolívar, chega este martes 5 de setembro, ás 20:30 horas, á praza da Peixería de Vilagarcía de Arousa. A acción, enmarcada no programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”, é un percorrido semellante a unha liturxia que se centrará en como os coidados recaeron principalmente nas mulleres ao longo da historia. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá á actividade.

A peza mestura videoinstalación e espectáculo e; para realizala, as artistas empregaron imaxes cedidas pola Filmoteca de Galicia, así como de cadanseu arquivo familiar. Ademais, Nosa señora dos coidados  tamén inclúe varios cortes de son do documental Señora de, de Patricia Ferreira, que recolle testemuños de varias xeracións de mulleres que tiveron que renunciar aos seus soños.

Cristina Bolívar (Granada, 1984) é iluminadora e creadora escénica. Desenvolve o seu traballo principalmente no eido da espectáculo e da danza contemporánea. Desde 2012 traballa entre Madrid, Granada e Vigo. Creou deseños de iluminación ou visuais para Sara Molina, Hurycan, Camille Hanson, Teatro de Açúcar, El Bailadero de Mónica Valenciano ou Janet Novás, entre outras compañías.

A pontevedresa Montse Piñeiro, formada como escenógrafa e iluminadora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, experimenta coa luz, co volume e coa imaxe en movemento. Ten traballado para producións de compañías e institucións coma o Centro Dramático Galego ou o Teatro Nacional de Cataluña. De xeito paralelo, formouse tamén nos ámbitos da ilustración, do deseño gráfico e da cerámica, e traballa desde 2014 como ilustradora profesional.

O programa provincial “Mulleres en acción. Violencia zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan espectáculo, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar a sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron accións en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, Tui e A Lama, e chegará a Caldas, Forcarei e Ribadumia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.