Xavi Carballo, “o futuro da Escalada”, recibido na Deputación tras proclamarse campión de España
29/12/2022
O deputado provincial de deportes, Gorka Gómez, recibiu no Pazo Provincial ao “futuro da provincia e do país” na modalidade deportiva de Escalada, o pontevedrés Xavi Carballo. O responsable da área de Deportes segue coa “cascada” de recepcións na institución, facendo alarde da “boa saúde do deporte da nosa provincia”. Gómez destacou que a Deputación de Pontevedra, ademais das achegas e as subvencións que reparte anualmente por un importe duns 4 millóns de euros, tamén traballa a prol de que os deportistas poidan alcanzar as súas metas e éxitos, sobre todo nas disciplinas “menos visibles” para o gran público. Gómez que felicitou a Xavi e ao seu irmán Tiago, segundo na Copa Galega en categoría infantil e destacou que “é importante ter referentes na elite para que os máis cativos e cativas aspiren chegar ao máis alto”.
Xavi Carballo, que vén de proclamarse campión de España de escalada de dificultade na categoría Sub-18, quixo agradecer a Deputación e ao Club AROMON “por todo o que me están dando”. Xavi é un dos deportistas con beca DepoPromesa da Deputación, polo que recibe unha axuda que lle permite seguir “adestrando moito e con moito sacrificio”, segundo comentou, para poder obter estes grandes resultados.
Dende o Club AROMON, o seu vicepresidente Manuel Beloso, tamén agradeceu a administración provincial “que sempre nos apoia”. As escolas do club, que naceron hai cinco anos, son fundamentais para que “rapaces coma estes sexan referentes da escalada agora mesmo”.
