A Deputación adxudica por 885.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño

Luis López sinalou que Deputación asume o 80% do orzamento, cunha achega superior aos 700.000 euros, e o Concello o 20% restante, preto de 180.000 € dun proxecto para o que se aproba o expediente de contratación

23/10/2026

A Deputación adxudica por 885.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da adxudicación por 885.000 euros das obras de mellora da seguridade viaria na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño. Trátase dun proxecto que se desenvolverá a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello de Valga, de tal forma que a Deputación asumirá o 80% (710.000 euros) e o Concello o 20% restante (175.000 euros).

Na EP-8502 Valga-Baño executarase unha senda peonil nun treito de 220 metros e dúas zonas de convivencia onde non se poida segregar os tráficos. A actuación permitirá crear un novo espazo peonil seguro e continuo nunha contorna moi sensible polos equipamentos públicos existentes neste treito, como o CEIP Baño Xanza, a escola infantil municipal ou o centro social, que provocan múltiples desprazamentos a pé. Tamén se renovarán a capa de rodaxe e a recollida de augas pluviais de todo o ámbito, executaranse pasos sobreelevados e melloraranse os servizos co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e mais a renovación do alumeado público con LED de alto rendemento. Por último, nesta estrada reordenarase unha pequena intersección perigosa coa creación de dúas glorietas e beirarrúas que permitirán o acceso seguro a pé ao centro de Educación Infantil e Primaria e á gardería pública.

Pola outra banda, as obras na EP-8501 Valga-Os Martores afectan un treito de 110 metros e consistirán nunha actuación de mellora da mobilidade peonil na contorna do centro social de Valga, mediante a execución de beirarrúas nas dúas marxes, o acondicionamento de zonas axardinadas e a creación de zonas de estacionamento.

audios