Luis López anuncia novos investimentos para o deporte provincial, con 550.000 euros para que clubs e federacións deportivas organicen neste 2026 eventos na provincia
“Despois de aprobar a pasada semana un millón de euros para os clubs que participan en competicións oficiais estatais, esta semana seguimos avanzando con outros 550.000 euros para apoiar os nosos deportistas e clubs e apuntalar Pontevedra como a provincia do deporte”, remarcou o presidente da Deputación
10/04/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ás bases das axudas dotadas con 550.000 € para que os clubs e federacións deportivas organicen competicións ou eventos na provincia este ano. O presidente do organismo provincial, Luis López, remarcou que “despois de aprobar a pasada semana un millón de euros para os clubs que participan en competicións oficiais estatais, esta semana seguimos avanzando con outros 550.000 euros para apoiar os nosos deportistas e clubs e apuntalar Pontevedra como a provincia do deporte”.
Estas axudas provinciais, das que o pasado ano se beneficiaron 153 clubs e federacións da provincia, divídense en dúas liñas. A primeira delas, dotada con 300.000 euros, vai dirixida a organizar competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional como campionatos ou copas de España, de Europa ou do mundo, e tamén eventos non encadrados na tipoloxía anterior pero con participación acreditada de equipos, seleccións ou deportistas internacionais.
A segunda das liñas, dotada con 250.000 euros, inclúe as competicións e eventos deportivos oficiais e non oficiais de todos os ámbitos territoriais agás os internacionais. Tanto nesta como na primeira liña, tal e como debullou o presidente provincial Luis López, os recursos da Deputación permitirán subvencionar desde os gastos federativos ou os de viaxe, ata os de organización, publicitarios, sanitarios ou de materiais e premios.
