OBRADOIROS DE ILUSTRACIÓN E ESCRITA
“O BOSQUE DOS CONTOS”
Marabillas Xiratorias. Obradoiro de Xoguetes Ópticos con Carmen Pintos
Actividades con inscrición previa. Cada nena ou neno poderá inscribirse nun obradoiro. Inscrición aberta a partir do martes 4 de novembro ás 9 h
Actividade
Marabillas Xiratorias. Obradoiro de Xoguetes Ópticos
Espazo con Deleite
Antes do zoótropo e o praxinoscopio inventouse o taumatropo, o primeiro xoguete óptico precursor do cine.
Este xoguete vitoriano consiste nun simple disco que presenta diferentes imaxes en cada lado e dous anacos de corda atados aos seus bordos opostos para poder facelo xirar. O que sucede cando xira é sinxelo. As imaxes cambian tan rapidamente que os nosos ollos e o noso cerebro non teñen suficiente tempo para percibir imaxes individuais. O noso cerebro continúa rexistrando a primeira imaxe cando chega a información visual da segunda. Como resultado, superpoñemos dúas imaxes e creamos unha fusionada. Se debuxas un paxaro nun lado da tarxeta e unha gaiola no outro, verás un paxaro engaiolado cando o disco xire o suficientemente rápido, aínda que o paxaro non estea na gaiola.
Cos mesmos materiais que se utilizaron para confeccionar o primeiro taumatropo, crearemos marabillas xiratorias de movemento máis fluído, engadindo novos conceptos e un maior número de imaxes.
- Número máximo de participantes: 20
- Duración: 50 minutos
- Idades: de 5 a 10 anos; preferiblemente acompañados dunha persoa adulta
- Día: sábado 22 de novembro
- Hora: 18 h
Ilustradora
Carmen Pintos
Carmen Pintos desenvolve desde O Morrazo proxectos de ilustración aplicados á papelería, espazos e obxectos. Tamén crea animacións para vídeos educativos e publicitarios. O debuxo, a ilustración, o movemento e o humor son os medios que utiliza para narrar e explicar conceptos. Imparte obradoiros onde se xoga a contar con imaxes.