O Museo organiza unha visita guiada á Sala Castelao para celebrar o nacemento do autor rianxeiro

Realizarase o domingo ás 12h e non será preciso inscribirse previamente

26/01/2022

Entrega premios Sofía Novoa  

O Museo de Pontevedra, a través  do departamento de Educación, ofrecerá este domingo ás 12 horas unha visita guiada á Sala Castelao para conmemorar a data na que, tradicionalmente, se celebra o nacemento do autor rianxeiro. No percorrido prestarase especial atención ao Álbum Nós. Non será necesario inscribirse previamente.

A certeza sobre a data concreta do nacemento de Castelao aínda está por confirmar. Hai varias teorías ao respecto: sempre se considerou que a súa data de nacemento é o 30 de xaneiro, como está recollido na acta parroquial e como defenden autores como Valentín Paz Andrade (amigo de Castelao), mais pola contra, no rexistro civil de Rianxo aparece o día 29.

Hai que lembrar que coa chegada das 50 estampas do Álbum Nós ao Museo de Pontevedra reformuláronse os contidos da Sala Castelao con cambios substanciais, reordenando pezas de catro décadas de traballo do autor datadas dende primeiros anos do século XX ata avanzados os anos 40.

Na primeira sala están dispostos os grandes lenzos, obras moi representativas da etapa na que Castelao aspiraba a ser artista, centrándose fundamentalmente na pintura. Están aí óleos de grande formato propiedade da Real Academia Galega en depósito no Museo, que proceden da decoración que Castelao realizou para o Gran Hotel de Mondariz e cuxa formulación previa en menor formato mereceu unha terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1915.

O Álbum Nós, que dispón dun espazo diferenciado propio, segundo inciden os conservadores, supón un punto de inflexión en Castelao como artista e da utilidade que el quere darlle ás súas formulacións plásticas.

A partir del fóronse aportando outras pezas, como un conxunto de cartaces, xornais ou obras orixinais, que culminan na última sala coas pezas literarias e as grandes series como os álbumes de guerra, os debuxos de negros, e na aparición da súa relación co teatro, cos exemplares de ‘Os vellos non deben de namorarse’, caretas e outros materiais de primeiras representacións en Bos Aires. Todo isto dando un papel principal á obra ‘Sempre en Galiza’, considerado o seu testamento como galego e como político.

En total, o Museo de Pontevedra dispón de 2.000 pezas de Castelao, tanto grandes obras como tamén outras de menor entidade non expostas como, por exemplo, cartaces chegados en cesión dende Venezuela.

Ademais da visita guiada á Sala Castelao, como cada domingo, este día 30 de xaneiro haberá tamén ás 12:00 horas a visita guiada, duns 50 minutos de duración, ás exposicións permanentes que albergan os edificios Sarmiento e Castelao, que inclúe explicacións sobre o Tesouro de Caldas, a Virxe Branca, a xeración doente, a louza de Sargadelos, os renovadores e Castelao.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.