A Deputación avanza que este venres aprobará recursos por valor de preto de 170.000 euros para reformar e ampliar o pavillón polideportivo de Gondomar

A deputada provincial Paula Bouzós visitou estas instalacións, onde se van investir todos os recursos que Gondomar ten asignados a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

28/05/2026

Paula Bouzós diante do pavillón de Gondomar

A deputada provincial Paula Bouzós anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno un total de 169.967 euros para que o Concello de Gondomar poida realizar melloras no pavillón polideportivo Bernabé Costas de Miranda. Trátase da totalidade dos recursos que o concello ten a súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

A deputada provincial Paula Bouzós detallou que os preto de 170.000 euros que recibirá Gondomar servirán para financiar máis do 80% das obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo municipal. En liñas xerais, ampliarase o edificio mediante un novo volume situado na fachada principal co obxectivo de crear un espazo cuberto e protexido para a entrada dos deportistas e do público en xeral. Ademais, tal e como detallou a deputada, crearase un novo pechamento de cristal de seguridade na fachada norte e eliminarase o peche de policarbonato do exterior, así como se instalará un pano divisorio na pista.

Para Paula Bouzós “esta actuación está aliñada coas prioridades do goberno provincial: o municipalismo e o deporte”. Neste eido, explicou que “queremos que Pontevedra sexa a provincia do deporte e, entre outras moitas cuestións, para conseguilo estamos a destinar recursos para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros nestes case tres anos de goberno”.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.