A Deputación inicia os actos de celebración do 50 aniversario da inauguración do Centro Príncipe Felipe coa instalación dun tótem conmemorativo
O deputado responsable do centro, Pablo Castillo, foi o encargado de descubrir este elemento que remarca os “cincuenta anos coidando, protexendo e construíndo futuro”
27/07/2026
A Deputación de Pontevedra inicia os actos de celebración do 50 aniversario da inauguración do Centro Príncipe Felipe coa instalación dun tótem conmemorativo. O deputado responsable do centro, Pablo Castillo, foi o encargado de descubrir este elemento que remarca os “cincuenta anos coidando, protexendo e construíndo futuro”, e recordou que, neste ano, “imos acometer o maior investimento da historia recente de Príncipe Felipe, con 5,5 millóns de euros para que siga a ser a grande referencia que xa é en canto a atención infantil e xuvenil”.
Castillo recordou que o 26 de xullo de 1976 as súas maxestades os Reis de España, Don Xoán Carlos e Dona Sofía, visitaban Príncipe Felipe para inaugurar as súas instalacións. Tamén remarcou que se lle puxo o nome de Príncipe Felipe porque, daquela, o actual rei “era un cativo e a idea coa que este centro naceu era a de construír unha cidade para a infancia, para educar, para acoller, protexer e formar”. Neste eido, o deputado subliñou que “cincuenta anos despois podemos afirmar con rotundidade que o obxectivo co que naceu estase a cumprir na súa totalidade”.
Ademais do tótem, tal e como adiantou Pablo Castillo, a Deputación de Pontevedra ten deseñado unha programación de actividades que comezarán a partir de setembro, cun gran acto, e continuarán ao longo de todo o 2026. “Actos e actividades que se suman, ademais, ao investimento máis importante da historia recente de Príncipe Felipe, con 5,5 millóns de euros que diriximos neste 2026 a mellorar as súas infraestruturas e consolidar este espazo de valor incalculable para Pontevedra e o conxunto da provincia; un recinto ao servizo da sociedade, da infancia e da mocidade, para dotalos de ferramentas para que poidan ter un futuro cheo de posibilidades”.
Castillo recordou que con estes recursos vanse mellorar as infraestruturas residenciais, pero tamén modernizar e mellorar os espazos de residencia, educativos e asistenciais. “O noso obxectivo é prestar un servizo de calidade; que as nenas e nenos e mozas e mozos, que forman parte da familia de Príncipe Felipe, teñan unhas mellores condicións de vida e un maior benestar en todos os ámbitos do seu desenvolvemento”, remarcou o deputado. Ademais, Castillo engadiu que estas actuacións son impulsadas “aplicando políticas que inciden positivamente no coidado do medio ambiente, apostando pola eficiencia enerxética e tamén pola xestión equilibrada dos recursos públicos”. Neste eido agradeceu a implicación e traballo “de todo o persoal que está hoxe vinculado a Príncipe Felipe, pero tamén dos que pasaron por aquí e deixaron neste recinto a súa pegada. Que estes 50 anos sexan o inicio doutros 50 nos que Príncipe Felipe siga a ser un dos principais activos desta cidade de Pontevedra e de toda a provincia”.
