A Deputación facilita a contratación de case 660 persoas desempregadas nos pequenos e medianos concellos ao abeiro do +Provincia

Luis López: “O +Provincia non soamente achega recursos para investimentos e gasto corrente, senón que dota aos concellos de algo tan imprescindible como son 659 persoas traballadoras, fundamentais para garantir unha correcta prestación dos servizos públicos”

11/10/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de completar a liña de emprego do Plan +Provincia, con preto de 8,2 millóns de euros para que 36 concellos da provincia contraten a 659 persoas en situación de desemprego.  “O +Provincia –asegurou Luis López- é unha ferramenta de tremenda utilidade para os concellos. Non soamente achega recursos para investimentos e gasto corrente, senón que os dota de algo tan imprescindible como son 659 persoas traballadoras, fundamentais para garantir a atención da cidadanía nas mellores condicións e unha correcta prestación dos servizos públicos”.

Con estes recursos, os municipios puideron contratar este ano a entre 3 (Dozón) e 33 persoas (Vilagarcía de Arousa) para desempeñar tarefas esenciais como persoal de Administración (técnicos, auxiliares, administrativos e ordenanzas); para o Servizo de Axuda no Fogar e traballo social; para o servizo de socorrismo; persoal técnico en turismo, guías de turismo e animación sociocultural; enxeñeiros e técnicos en medio ambiente, operarios de saneamento e recollida de residuos; traballadores para o mantemento de obras públicas, para a limpeza e parques e xardíns; bibliotecarios e técnicos e auxiliares de cultura e para museos.

220.000€ para Dozón, O Rosal, Gondomar, Meis, Salceda de Caselas e Pazos de Borbén 

Tamén informou o presidente que a Deputación aprobou preto de 220.000 € para Dozón, O Rosal, Gondomar, Meis, Salceda de Caselas e Pazos de Borbén no marco do Plan +Provincia. “Avanzamos –asegurou Luis López- no reparto do plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa distribuíu 46 dos 48,2M€ entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”. 

Ao detalle, Dozón recibe preto de 62.000 € para a mellora das drenaxes no núcleo de Requeixo (34.000€) e para o amoblamento e equipamento do velorio municipal (28.000 €); Gondomar 50.000 € para reparar o colector interceptor do río Zamans en A Fraga, Vincios; O Rosal 34.200 € para o subministro de colectores para a recollida selectiva de lixo e para árbores para a Praza do Calvario; Salceda de Caselas preto de 30.000 € para o proxecto de mellora integral de vías municipais;  Meis 24.500 € para muros de seguridade en camiños e equipamentos municipais; e Pazos de Borbén 17.300 da liña 2, de gasto corrente, para o mantemento de programa informáticos, iluminación e mellorar o sistema de recollida de pluviais.

 

videos

audios