A Deputación lanza Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz para conmemorar o Día das Letras

Trátase dunha actividade que promove xunto coa Fundación Legar para achegar a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a escolares das Neves, Fornelos de Montes, Covelo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda

05/05/2025

Jorge Cubela

A Deputación de Pontevedra lanza Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz como parte dos actos deseñados polo organismo provincial para conmemorar o Día das Letras Galegas. Trátase, tal e como detallou o deputado provincial Jorge Cubela, dunha actividade que promove a Deputación xunto coa Fundación Legar, un dos grandes referentes no que se refire á conservación e traballo coa música galega, para achegar entre o 12 e o 19 de maio a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a escolares das Neves, Fornelos de Montes, Covelo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda.

“Despois duns intensos días nos que demostramos, con feitos como a celebración do Día da Danza e a  presentación dos Rías Baixas Film Fest ou do libro cos relatos dos Premios Provinciais de Xuventude, que para este goberno provincial a cultura é un dos eixos de traballo fundamentais, comezamos maio con Instrumentos da memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz, unha iniciativa que organizamos para festexar as nosas Letras que, neste 2025, dedicamos ás cantareiras e á poesía popular oral”, recordou Cubela que estivo acompañado no acto de presentación da actividade de Martina Ferradás e Xavier Blanco, da Fundación Legar. 

Deste xeito, estes dez obradoiros que espallará a Deputación de Pontevedra en dez concellos da provincia, permitirán a través de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas, dar a coñecer tanto a historia da música galega, como os instrumentos empregados, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotiá, e entre outras cuestións, os xéneros musicais autóctonos. O principal obxectivo da institución provincial con esta actividade é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando aos escolares no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical, “algo que tanto nos identifica como pobo, que debemos preservar e que, precisamente, este ano se ten convertido en protagonista das nosas Letras da man das cantareiras”.

Os obradoiros, que durarán unha hora e cuarto, comezarán o 12 de maio nas Neves (9:30 horas no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé), Fornelos de Montes (12:00 horas no CEIP Doutor Suárez), e Covelo (15:00 horas no CEIP Antonio Blanco Rodríguez) e continuarán o 13 de maio en Campo Lameiro (10:00 horas no CEIP Pedro Antonio Cerviño) e Cerdedo- Cotobade (12:30 horas no CEIP Plurlingüe de Tenorio); o 14 de maio en Vilanova de Arousa (9:35 horas no CEIP Plurilingüe de San Roque-Corón) e Portas (12:30 horas no CPI Domingo Fontán); o 15 de maio ás 9:30 horas no CEIP Montemogos de Beluso, en Bueu; e rematarán o 19 de maio en Forcarei (9:45 horas no CEIP de Soutelo de Montes) e Silleda (12.30 horas no CEIP Ramón de Valenzuela, Bandeira).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.